Conde advirte da "situación límite" do sector forestal se pecha Ence

O conselleiro de Industria esixe ao Goberno que "dea explicacións" acerca da súa decisión "incomprensible" sobre a pasteira

Francisco Conde. DP
photo_camera Francisco Conde. DP

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, sostén que o Goberno "debería ser sensible" aos empregos aos que afectaría o peche de Ence, e pídelle que reverta a súa decisión "unilateral" e "incomprensible" de anular a prórroga porque podería levar a unha "situación límite" á industria forestal galega. "Estamos a esperar que o Goberno dea unha explicación de por que se achanda neste proceso", indicou antes de participar na xornada Industry Day que se celebra na Coruña.

A Avogacía do Estado comunicou á Audiencia Nacional que desiste de continuar coa defensa da prórroga de 60 anos, concedida en xaneiro de 2016 ao fabricante de pasta de papel Ence polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy, para manter a súa actividade industrial na ría de Pontevedra.

Nesta resolución, a Avogacía do Estado solicita á Audiencia Nacional que, tras os trámites oportunos, dite sentenza de conformidade nos termos que piden os demandantes, é dicir, que se anule a prórroga.

Por parte da Xunta, Conde expresou o seu compromiso coa defensa dos postos de traballo afectados polo posible peche de Ence e coas 80.000 familias que viven do sector forestal. "O impacto de Ence non é só un impacto directo sobre 5.000 empregos industriais senón que é un impacto directo sobre toda a articulación do sistema forestal e todas as familias que viven de rendas vinculadas á venda de madeira", argumentou.

"Nun Estado de dereito como é España, no que a seguridade xurídica sempre foi un dos referentes e dos elementos diferenciais, entendemos que o Goberno debe dar explicacións", concluíu.

Comentarios