
Tahoces lembrou que esta medida "impactaría directamente na industria da automoción", xa que o 62% do valor que se xera nesta industria "é consecuencia deste tipo de vehículos"
O director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, advertiu este xoves de que se se establece un imposto ao diésel, como mencionou esta semana o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "Galicia volvería ser prexudicada".
Durante a súa intervención en Comisión parlamentaria para responder a unha pregunta da deputada nacionalista Noa Presas sobre o prezo dos carburantes en Galicia, Tahoces lembrou que na comunidade, o 85% dos carburantes que se consomen son diésel, fronte ao 82% estatal.
Con iso, destacou que este suposto imposto tería máis incidencia en Galicia, que, á súa vez, xa rexistra dos carburantes máis caros do Estado. Ademais, "impactaría directamente na industria da automoción", xa que o 62% do valor que se xera nesta industria "é consecuencia de vehículos diésel".
No entanto, o director xeral sacou a colación os prezos dos carburantes antes de impostos para explicar que a "presión fiscal" sobre os mesmos "non determina" os elevados prezos en Galicia, dado que os carburantes xa son dos máis caros de España nac omunidade antes de impostos.
A título explicativo, e despois de garantir que a Xunta "sempre fará unha política rigorosa" nesta materia buscando o interese dos galegos, Tahoces lembrou que os carburantes en España están suxeitos a dous impostos, o Ive e o imposto sobre hidrocarburos, que se divide actualmente en tres tramos, dous nacionais e un autonómico.
No entanto, lembrou, a partir do 1 de xaneiro de 2019, o tramo autonómico no seu tipo máis alto integrarase no de ámbito estatal co obxectivo de que "en todas as comunidades exista o mesmo tipo impositivo".