Xunta e traballadores de Alcoa en San Cibrao piden "activar xa" a mesa industrial

Conde, representantes dos concellos de Cervo e Xove e o comité de empresa reuníronse este mércores
Francisco Conde. DP
photo_camera Francisco Conde. DP

O Goberno galego e os traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao esixiron este mércores a convocatoria da mesa da industria e a presentación do estatuto para os consumidores electrointensivos, co obxectivo de desbloquear "a difícil situación" da factoría da Mariña mediante unha rebaixa do prezo eléctrico. 

Así o destaca a Consellería de Economía a través dunha nota de prensa remitida despois de que o titular deste departamento, Francisco Conde, participase nunha reunión entre a Xunta, os concellos de Cervo e Xove e o comité de empresa de Alcoa San Cibrao para avaliar a situación que atravesa a planta. 

O conselleiro subliñou "a importancia" que esta planta ten para a comarca pero tamén para o conxunto da comunidade, tendo en conta que é a única de España que fabrica alúmina e unha das tres de todo o país que produce aluminio primario, dando emprego a un total de 1.600 familias. 

Ademais, incidiu en que a Xunta seguirá "ao lado dos traballadores da factoría xa que a prioridade é manter os actuais postos de traballo e a competitividade da empresa", resalta Economía. 

Para logralo, engade que Alcoa precisa competir en igualdade de condicións que o resto do mercado europeo, ofrecendo un prezo "estable e competitivo".

"NON É SUFICIENTE". Así, Conde referiuse á aprobación das axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2 por parte do Consello de Ministros, unha medida que, como remarcou, "Galicia reclama desde hai meses" (e que foi aprobada o pasado venres). Respecto diso asegurou que "non é suficiente" para rebaixar un prezo eléctrico que é un 40% superior á media europea. 

Pola súa banda, o titular da consellería trasladou as iniciativas da Xunta incluídas na súa proposta de estatuto, como as medidas de carácter fiscal, a eliminación do céntimo verde ao carbón, redución de cargas e peaxes e incorporación da categoría do consumidor hiper-electrointensivo.

Comentarios