Bélxica investiga a España polo xeolocalizador no coche de Puigdemont

A Fiscalía confirmou que a investigación pola colocación do dispositivo, supostamente por parte da intelixencia española, está en marcha

El coche en el que fue interceptado Puigdemont. EFE
El coche en el que fue interceptado Puigdemont. EFE

A Fiscalía belga de Brabante Valón investiga a suposta colocación dun dispositivo de xeolocalización no vehículo de matrícula belga empregado polo expresidente catalán Carles Puigdemont durante a súa estancia no país.

A Fiscalía de Brabante Valón, no centro de Bélxica, confirmou este venres a Efe que "a investigación está en curso" a partir dunha denuncia dos "colaboradores de Puigdemont". "Estamos a buscar de onde vén, quen puido colocalo", agregaron fontes da Fiscalía, que indicaron que o Ministerio Público ten no seu poder o dispositivo que presuntamente se utilizou para situar o vehículo utilizado por Puigdemont en Bélxica.

A rexión de Brabante Valón, ao sur de Bruxelas, é onde se atopa o municipio de Waterloo onde Puigdemont fixou a súa última residencia coñecida en Bélxica.

A investigación sobre o dispositivo é independente do proceso legal iniciado en Bélxica para analizar a eventual extradición dos exconselleiros da Generalitat Antoni Comín, Meritxel Serret e Lluís Puig que reclaman as autoridades españolas.

Puigdemont foi detido o domingo 25 de marzo pasado no norte de Alemaña, pouco despois de cruzar en coche a fronteira con Dinamarca, cando trataba de regresar por terra a Bélxica tras unha visita a Finlandia, durante a que o xuíz do Tribunal Supremo español Pablo Llarena reactivou a euroorde de detención na súa contra.

Comentarios