Espinar dimite dos seus cargos en Podemos, o Senado e a Asemblea de Madrid

"Na situación actual non se dan as condicións para levar o proxecto cara a onde creo que debe dirixirse", explicou

Ramón Espinar. EFE
photo_camera Ramón Espinar. EFE

Ramón Espinar presentou este venres a súa dimisión como secretario xeral de Podemos na Comunidade de Madrid ademais de abandonar o seu escano na Asemblea rexional, o que implica que, automaticamente, deixa de ser senador, ao estar na Cámara Alta, onde ata agora era portavoz, por designación autonómica. 

Espinar comunicou xa a súa decisión nos órganos de Podemos e fixo pública a súa dimisión a través de Twitter: "Na situación actual non se dan as condicións para levar o proxecto de Podemos en Madrid cara a onde creo que debe dirixirse", explica na súa mensaxe.

O político madrileño, ata agora próximo ás teses de Pablo Iglesias, defende que a decisión tomada é a "máis responsable" e a que en conciencia debía tomar, e explica que seguirá participando en política e militando en Podemos.

Espinar defende que a formación morada existe "porque España necesita un proxecto de futuro para todos", algo que, ao seu xuízo, "non termina cun ou outro dirixente á fronte", pois considera que a responsabilidade de construír "unha alternativa segue sendo de todos e todas". 

"Oxalá quen seguen en tarefas de dirección sexan capaces", agrega Espinar, quen foi o líder de Podemos na Comunidade de Madrid desde que en novembro de 2016 se impuxo nas primarias á portavoz do Goberno de Manuela Carmena, Rita Maestre, candidata errejonista.

Espinar termina a súa mensaxe agradecendo o traballo compartido en Madrid e no Senado e asegurando que, para os militantes, garda "a declaración de lealdade e tenrura que encerra a palabra compañeiro". 

A renuncia de Espinar ao seu escano no Parlamento autonómico supón que deixa de ser senador porque, segundo o artigo 16.3.i do Estatuto de Autonomía madrileño, o mandato no Senado por designación da Asemblea está "vinculado" á condición de membro desta. 

A renuncia de Ramón Espinar prodúcese por mor da crise aberta en Podemos en Madrid, partido que podería competir electoralmente contra un dos seus fundadores, Íñigo Errejón, quen concorrerá aos comicios autonómicos usando a marca Más Madrid, creada por Manuela Carmena para a capital. 

O pasado 17 de xaneiro Pablo Iglesias asegurou que Errejón non é Carmena e que Podemos sairía a gañar as eleccións autonómicas de maio. 

Comentarios