O Goberno cesou 260 cargos da Generalitat desde a aplicación do 155

Sáenz de Santamaría protagoniza un tenso cara a cara con Albert Rivera no Congreso

Sáenz de Santamaría. BALLESTEROS
photo_camera Sáenz de Santamaría. BALLESTEROS

O Goberno cesou 260 cargos da Generalitat nos 120 días de aplicación do artigo 155, segundo as cifras que achegou no Congreso a vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría. Na sesión de control, respondeu así aos reproches do líder de Ciudadanos, Albert Rivera, que acusou o Executivo de non vixiar como debería as contas da Generalitat.

Ambos protagonizaron un tenso cara a cara, no que a número 2 de Mariano Rajoy recordou ao líder laranxa os seus continuos cambios de opinión en canto a Cataluña e este, pola súa banda, pediulle explicacións polos 2,2 millóns de euros de diñeiro público que o Goberno "separatista" tería gastado ás costas do Executivo. "Suponse que desde o 15 de setembro tiña que controlar as contas da Generalitat", censurou Rivera, subliñando que tanto Rajoy como o ministro de Hacienda, Cristóbal Montoro, aseguraron en sede parlamentaria que non se destinou nin un só euro dos orzamentos cataláns a financiar o 1-O.

Por iso, preguntou á vicepresidenta se o Govern tomáralles o pelo" ou se foi Montoro o que "mentiu" a todos os españois, pedindo ademais responsabilidades políticas por permitir semellante "barbaridade".

Entre os 260 cesamentos que se produciron, 14 foron acordados no marco do artigo 155 e 240 por conta do Goberno

Rivera arrincou a súa intervención recordando a detención o pasado 15 de marzo do xa exsecretario de Difusión da Generalitat Antoni Molons, posto logo en liberdade, investigado polo financiamento da campaña de publicidade do referendo ilegal. Cesado ao día seguinte, non é o único cargo apartado do seu posto, afirmou a vicepresidenta ao detallar que entre os 260 cesamentos que se produciron, 14 foron acordados no marco do artigo 155 e 240 por conta do Goberno para levar a cabo a "demolición" das estruturas do Estado que creara a Generalitat.

Durante a súa réplica, que se alargou máis aló de que lle retirasen a palabra, Sáenz de Santamaría subliñou que mentres o Goberno mantén a coherencia e non se suma "a calquera conxuntura", Rivera "defende unha cousa, a contraria, o extremo e o intermedio". Tirou de hemeroteca ao recordar ao presidente do partido laranxa que ao comezo do procés pedía "máis política e máis cintura" cos independentistas e dicía que aplicar o 155 sería "fantástico" para os secesionistas.

Tamén trouxo a colación a moción de censura que Inés Arrimadas, con 25 deputados, quixo promover no Parlament contra Carles Puigdemont "e agora, con 36 non se atreve" —continuou— e que Rivera apostase no seu momento por convocar eleccións ao crer que "o peor" era estar cunha xestora do Goberno. Fóra de micrófono, engadiu que Rivera "fai máis oposición ao Goberno en Madrid que aos independentistas no Parlament de Cataluña". 

Comentarios