Madrid pechará o lecer nocturno e prohibirá fumar na rúa desde o xoves

Ás medidas, acordadas polo Ministerio de Sanidade, a Comunidade engade o impedimento de comer no transporte público
Madrid prohibirá a partir deste xoves fumar nas rúas e terrazas se non se pode manter a distancia de seguridade
photo_camera Madrid prohibirá a partir deste xoves fumar nas rúas e terrazas se non se pode manter a distancia de seguridade

A Comunidade de Madrid decretará o peche dos locais de lecer nocturno e a prohibición de fumar na rúa a partir deste xoves, tras publicar a modificación da orde de medidas preventivas para facer fronte á crise sanitaria do coronavirus.

Fontes da Consellería de Sanidade informaron a Efe de que a modificación da orde publicarase este mércores no Boletín Oficial da Comunidade de Madrid, polo que as medidas entrarán en vigor a partir do xoves 20 de agosto.

O peche dos locais de lecer nocturno e a prohibición de fumar na rúa a menos de dous metros doutra persoa forman parte do paquete de medidas acordadas o pasado venres polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas para combater a propagación do coronavirus. Tamén se acordou limitar a ocupación de mesas dos servizos de hotelería e restauración a dez persoas e adiantar o seu peche á 1 da madrugada. 

Nos centros sociosanitarios ou residencias de maiores será obrigatorio realizar probas PCR aos novos ingresos e a empregados que regresen dun permiso ou vacacións; e limítanse as visitas a unha persoa por residente e un máximo dunha hora ao día.

Polo momento xa aplicaron estes cambios comunidades autónomas como Cataluña, Estremadura, Asturias, Comunidade Valenciana, Castela e León, Galicia, A Rioxa e Murcia. 

No caso da Comunidade de Madrid, ás medidas consensuadas engadiranse outras como a prohibición para comer no Metro e nos autobuses interurbanos para reducir o risco de contaxio do coronavirus, ao evitar así que os viaxeiros teñan que quitarse a máscara de uso obrigatorio.

Comentarios