O ministro de Sanidade, Salvador Illa, remarcou este domingo que as persoas maiores tamén se poderán beneficiar "con toda seguridade" da apertura aos paseos desde o 2 de maio no caso de que os indicadores da pandemia de coronavirus permitan tomar esta medida de alivio do confinamento.
Illa confirmou este extremo nunha rolda de prensa tras asistir á videoconferencia entre o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e os presidentes autonómicos.
Na comparecencia xunto á vicepresidenta cuarta do Goberno, Teresa Ribera, Illa destacou que os datos da pandemia mostran que está a consolidarse "o descenso" e "dobregándose a curva", ao pasar dun índice de contagios do 35 por cento -cando se decretou o estado de alarma- ao 0,8 por cento actual.