Pedro Sánchez presentará o vindeiro xoves o seu 'Manual de resistencia'

Jesús Calleja e Mercedes Milá acompañarán ao presidente do Goberno no acto

Pedro Sánchez, en Ferraz. ZIPI
photo_camera Pedro Sánchez, en Ferraz. ZIPI

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentará o vindeiro xoves o seu libro, Manual de resistencia, cando xa se coñeza a súa decisión sobre se adianta ou non as eleccións xerais.

A editorial do libro de Sánchez convocou para o vindeiro xoves 21 de febreiro pola tarde o acto de presentación en Madrid, no que o xefe do Executivo conversará con dous xornalistas, Jesús Calleja e Mercedes Milá.

Para entón xa se coñecerán os plans do xefe do Executivo despois de que o Congreso tombe os seus orzamentos, e que se van a dar a coñecer o venres o Consello de Ministros.
Edicións Península (Planeta) deu a coñecer a pasada semana a publicación deste libro, no que Sánchez narra o seu periplo ata chegar á Moncloa e os feitos que marcaron a súa carreira política.

É a primeira vez na historia da democracia española na que un presidente publica un libro durante o seu mandato.

A súa chegada á Secretaría Xeral do PSOE en 2014, a súa dimisión dous anos despois -"expulsado" do liderado, segundo a editorial-, a vitoria nas primarias posteriores e a súa investidura como presidente tras prosperar a moción de censura contra Mariano Rajoy son os feitos que se contan neste libro.

Un traballo que lle axudou a escribir a secretaria de Estado da España Global, Irene Lozano, e no que, segundo fontes do Executivo, Sánchez xa traballaba antes de chegar á Moncloa e que se veu actualizando para a súa publicación este mes.

Para promocionar o libro, a editorial destaca como os "lugares comúns" da política foron "derrubados" por Sánchez, porque no seu momento dimitiu, despois gañou unhas primarias ao "aparello" do partido e logrou ademais que prosperase unha moción de censura contra Rajoy.

Península subliña tamén o valor de que o xefe do Executivo narre nestas páxinas o seu "percorrido vital" como "un verdadeiro manual de resistencia" e un "proceso persoal de resiliencia".

A editorial promete ademais que nestas páxinas, cheas de reflexións políticas, acción, traizóns e coraxe", os lectores van poder descubrir "o lado máis descoñecido do presidente do Goberno". 

Comentarios