Sanidade di que os que tiveron Covid tamén teñen que usar máscara

A máscara debe utilizarse independentemente de se a persoa que padeceu coronavirus teña ou non anticorpos
A directora do Instituto de Saúde Carlos III, Raquel Yotti. EFE/ Fernando Alvarado
photo_camera A directora do Instituto de Saúde Carlos III, Raquel Yotti. EFE/ Fernando Alvarado

As persoas que pasaron a enfermidade da Covid-19, "teñan ou non anticorpos", teñen que seguir mantendo as medidas de distanciamento social, hixiene e o uso de máscaras, advertiu este luns a directora do Instituto de Saúde Carlos III, Raquel Yotti

Fíxoo en declaracións aos medios en El Escorial, onde disertou sobre As mulleres na xestión da crise sanitaria dentro do Curso de Verán da Universidade Complutense Muller e liderado en tempos de crises. Impacto de xénero, liderado e xestión antes, durante e logo da Covid-19

Yotti recoñeceu que se descoñece o efecto da inmunidade nin canto tempo dura, aínda que recordou que varias liñas de investigación a nivel mundial sinalan que ter contacto co virus unha vez confire un certo grao de inmunidade, "pero non sabemos se é unha inmunidade completa".  "Incluso -precisou- cando os anticorpos non son detectables en soro é posible que estas persoas sigan tendo factores de inmunidade non tan evidentes como os anticorpos relacionados coa inmunidade celular e, xa que logo, si teñan un certo grao de protección". 

Yotti recordou que o estudo de seroprevalencia que realizou o Ministerio de Sanidade co Instituto Saúde Carlos III arroxou unha inmunidade do 5%, aínda que o resultado foi moi heteroxéneo entre as distintas comunidades autónomas. 

O Goberno e as comunidades están a estudar desenvolver un novo estudo que comezaría en outubro e que do mesmo xeito que o primeiro tería tres ondas, apuntou. 

Doutra banda, a directora do Instituto de Saúde Carlos III recoñeceu que o chamamento que se fixo á poboación para non acudir aos hospitais nos momentos máis duros da crise "fixeron que algunhas patoloxías urxentes non Covid non chegasen" a estes centros. "Hai que acudir aos hospitais cando se necesite, ante síntomas de alarma non relacionados co coronavirus, por exemplo, dor torácica que pode ser signo dun infarto agudo de miocardio", sinalou Yotti, que é cardióloga.

Comentarios