Absolta a traballadora do Sergas acusada de osmar no historial da súa filla

A Audiencia de Pontevedra considera que non se puido probar que as 68 veces que a nai accedeu ao expediente fosen sen o consentimento da denunciante

Exterior de la Audiencia de Pontevedra. AEP
photo_camera Exterior de la Audiencia de Pontevedra. AEP

A Audiencia de Pontevedra absolveu unha traballadora do Sergas, o órgano de xestión do sistema de saúde público de Galicia, acusada de acceder ao historial clínico electrónico da súa filla sen o seu consentimento, ao considerar que non quedou suficientemente acreditado este extremo.

Na súa sentenza, difundida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a sección quinta da Audiencia de Pontevedra considera que non se puido probar que as 68 veces que a nai accedeu ao expediente da súa filla, entre xuño de 2012 e abril de 2014, fosen sen o consentimento da denunciante.

Adicionalmente, o tribunal recalca que "non pode descartarse un ánimo espurio na declaración da vítima, dada a mala relación existente coa súa nai", tal e como quedou de manifesto durante a vista oral do xuízo, na que ambas se cruzaron reproches nas súas respectivas declaracións.

A filla criticou o "abuso emocional" por parte da súa nai, que lle xerou "moito dano". Pola súa banda, a súa proxenitora afirmou que a filla está manipulada e anulada pola súa parella sentimental.

O tribunal tamén observa indicios de motivacións espurias no feito de que a filla denunciase dous anos despois das súas sospeitas iniciais da intromisión no seu historial clínico por parte da súa nai, que traballaba no servizo de admisión do antigo hospital Xeral de Vigo.

María Josefa O.A., para quen a Fiscalía pedía catro anos de cárcere e nove de inhabilitación profesional, declarou na vista oral do xuízo que accedeu ao historial da súa filla para saber se estaba pendente dunha proba ou para coñecer os resultados da mesma.

A súa filla negou calquera autorización nese sentido e dixo que se decatou das intromisións da nai cando acudiu ao médico en Canarias para que lle recetara un medicamento e solicitoulle dito historial.

Comentarios