Alexandra Fernández: "Ten que dar explicacións quen cambiou de idea no último momento"

A deputada de En Marea no Congreso defende que respectou a decisión do Consello das Mareas, liderado por Luís Villares

La diputada Alexandra Fernández. AEP
photo_camera A deputada Alexandra Fernández. AEP

Alexandra Fernández, deputada de En Marea no Congreso, dixo este venres, nunha entrevista en Televisión de Galicia, que "quen ten que explicarse é quen cambiou de idea no último momento".

Fernández, a única do grupo de En Marea na Cámara Baixa que respectou a decisión do Consello das Mareas, liderado por Luís Villares, explicou que a súa decisión de votar en contra do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado obedeceu a que "tiña claro que os Orzamentos eran lesivos para Galicia, con recortes do 20 por cento que empeoran as condicións de vida dos galegos".

Destacou tamén durante a entrevista "presións por parte da dirección de Podemos en Madrid" e dunha situación humillante para os deputados galegos xa que "non podemos aceptar outro cheque en branco".

Sobre as explicacións de Yolanda Díaz, quen afirmou que se estableceron negociacións coa ministra de Hacienda para mellorar as contas para Galicia, Fernández afirmou que era unha "autoxustificación", posto que "non había vontade por parte do Goberno de mellorar as contas para Galicia" nin compromisos de rectificación, indicou.

Ademais, a deputada de En Marea tamén manifestou o seu desacordo con Xosé Manuel Beiras, quen afirmou que votar a favor dos Orzamentos supuña un freo á ultradereita. Segundo Fernández, foi o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "quen escoitou á extrema dereita, que dicía que non debía negociar cos partidos cataláns".

En clave de futuro, á pregunta de se concorrerán en coalición con Unidos Podemos ás eleccións xerais do 28 de abril, Alexandra Fernández manifestou que houbo un incumprimento do acordo político, que recoñecía a autonomía política de En Marea e que era necesario sentar á Mesa para negociar. Igualmente, declarou que non se aceptará a submisión a Madrid nin deixar atrás a axenda de Galicia.

Comentarios