Aumenta o número de intoxicados con mexillón galego en Valencia e a Xunta pide "precaución"

A Consellería do Mar asegura que o sistema de control "cumpriu estritamente os pasos que establece a lexislación vixente" 

Mejillón
photo_camera Imaxe dun prato de mexillóns

A Conselleria valenciana de Sanitat Universal e Salut Pública informou de que detectou outros 12 casos de persoas afectadas por unha toxiinfecciñon por consumo de mexillóns conxelados de orixe galega nun hotel de Gandia (Valencia), o mesmo produto polo que se viron afectadas 39 persoas en Xàbia. Pola súa banda, a Xunta de Galicia pediu "máxima precaución" mentres se fan as análises.

Segundo informaron fontes do departamento de Sanitat, ningunha das persoas afectadas en Gandia requiriu hospitalización. Os afectados, tanto en Xàbia como en Gandia, evolucionan favorablemente e procedeuse á retirada deste produto.

Respecto diso, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, aclarou, en declaracións aos medios, que "é un tema sanitario" e estanse facendo as comprobacións correspondentes". "Rogaría que esperásemos a que finalizasen esas investigacións e poder detectar onde está o problema", abundou.

O departamento de Mar explicou que, segundo a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan), "a alerta sanitaria alude a intoxicacións por norovirus en mexillón de media cuncha cocido e conxelado". 

A Xunta puntualizou que "axiña que como se tivo coñecemento desta alerta", inspectores da Consellería de Sanidade desprazáronse á empresa "para inspeccionar o lote do cal procedía o mexillón e o proceso de produción da fábrica", puntualizou. 

Con todo, o departamento de Mar apela " máxima precaución" mentres se traballa "nas distintas análises" e subliña que "o sistema de control cumpriu estritamente os pasos que establece a lexislación vixente".

ESTUDO EPIDEMIOLÓXICO. O estudo epidemiolóxico realizado polas autoridades da Comunidade Valenciana relaciona os casos de toxiinfección co consumo de mexillóns cocidos e conxelados de orixe galega. 

A información facilitada a través da Rede de alertas SCIRI indica que o produto se distribuíu inicialmente na Comunidade de Valencia e en Navarra. No entanto, ata o momento non se teñen noticias de persoas afectadas polo seu consumo en Navarra. 

Comentarios