Bea Gondar reclama agora 50.000 euros pola campaña que repartiu fardos de café en Pontevedra

O exalcalde do Grove xa se querelara contra Fariña, o que motivou o secuestro da publicación

Original campaña en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Original campaña en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Alfredo Bea Gondar, o exalcalde do Grove que denunciara a Nacho Carretero por Fariña pide agora 50.000 euros por danos morais ao propietario da empresa TuCafé, que hai varios meses realizou unha particular campaña publicitaria repartindo fardos de café por Pontevedra e Vilagarcía de Arousa. 

O que fora rexedor do Grove, condenado no seu día por narcotráfico nunha sentenza posteriormente revogada polo Tribunal Supremo, repite a operación que fixo cando se produciu o boom de Fariña, primeiro best-seller e despois éxito televisivo. Entón, iso si, pedía 500.000 euros a Carretero e aos editores do libro por vulneración do seu dereito á honra.


Un mozo apóiase en carteis de propaganda de Bea Gondar antes das eleccións de 1991. DIARIO DE PONTEVEDRAA súa demanda desembocou no secuestro da publicación, aínda que despois unha xuíza a desestimou. Agora Gondar pide 50.000 euros, segundo informa Público, en concepto de "indemnización por danos morais e prexuízos sufridos" pola peculiar campaña, baixo a lema O mellor de Colombia chega por aquí.

Unha das súas accións consistía nun cartel no que puña que "tres quilos" dos fardos de café estaban reservados para Bea Gondar en concepto de mordida para evitar unha eventual denuncia.

Un xulgado de Collado-Villalba aceptou a trámite a demanda e citou a declarar a Marcos Ramos, propietario de TuCafé.

Comentarios