Arzúa celebra esta fin de semana por todo o alto a súa Festa do Queixo, a número 45, que abriu este sábado a actriz lucense Benedicta Sánchez cun pregón no que quixo agradecer —"moitísimo"— a confianza e lamentou o progresivo abandono do campo.
A corguesa, premiada co Goya á mellor actriz revelación pola súa interpretación en O que arde, foi a encargada de 'cortar a cinta' dun festexo con moita gastronomía e música, entre outras actividades. Ademais, inaugurou o novo Paso de Vaca de Arzúa, que é o quinto de Galicia e iniciativa de Casa Grande de Xanceda.
O obxectivo da iniciativa é poñer en valor o rural galego, do que tamén falou Benedicta Sánchez no seu pregón. "Dóeme ver que o campo vai quedando abandonado e baleiro", dixo.
O recinto feiral abriu as súa portas pouco antes do pregón, con queixerías de varias puntos de España. Tamén hai postos de alimentación especializada e de produtos gourmets.
O menú musical póñeno, entre outros, Tequila, Novedades Carminha, Baiuca, Ladilla Rusa, Luar na Lubre, MJ Pérez e El Capitán Elefante, grupo gañador do concurso Queixo Maquetón.