BNG esixe retirar o nome do rei emérito do porto deportivo de Sanxenxo

Os nacionalistas consideran que a "dubidosa legalidade e lexitimidade" do diñeiro recibido polo rei emérito e a "pouca credibilidade" que queda na monarquía motivan este cambio de nome
Porto de Sanxenxo. DP
photo_camera Porto de Sanxenxo. DP
O BNG esixe ao Concello de Sanxenxo que retire o nome do rei emérito Juan Carlos I do porto deportivo da localidade ante as presuntas "prácticas corruptas" do monarca coas súas contas en Suíza.

A portavoz do BNG en Sanxenxo, Sandra Fernández Agraso, explicou que a moción que presentarán ao pleno da corporación municipal chega tras as investigacións da fiscalía suíza polas actividades "comisionistas" do rei emérito.

Os nacionalistas consideran que a "dubidosa legalidade e lexitimidade" do diñeiro recibido polo rei emérito e a "pouca credibilidade" que queda nunha monarquía "profundamente desprestixiada, anacrónica e impropia dunha democracia " motivan este cambio de nome.

"Non condenar estas condutas, permitilas e amparalas é lexitimar socialmente a corrupción", sinala Fernández Agraso, que considera que estas instalacións náuticas deben ser rebautizadas por consenso "social" dos veciños e veciñas de Sanxenxo.

Debería ser, en todo caso, co nome de alguén que sexa "merecedor" desta homenaxe "e non alguén que está defenestrado por supostos casos de corrupción practicamente corroborados pola Casa Real", tras a renuncia de Felipe á herdanza do seu pai.

Esa comunicación formal do rei, segundo o BNG de Sanxenxo, é unha "confesión en toda regra" das prácticas do seu pai, o que para os nacionalistas supón "máis dúbidas" sobre unha institución "obsoleta" e que está "cada vez máis ensombrecida". 

Comentarios