lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

O BNG recruta a exdeputada de En Marea Alexandra Fernández para a lista de Pontevedra

Alexandra Fernández. ARCHIVO
Alexandra Fernández. ARCHIVO
A executiva do Bloque propón que ocupe o terceiro posto

O Bloque Nacionalista Galego recrutou para as súas listas para as eleccións autonómicas do próximo 5 de abril a exdeputada de En Marea Alexandra Fernández, que militou en Anova, organización que deixou tras as desavinzas políticas polos pactos electorais con Podemos e Esquerda Unida. 

A executiva da formación nacionalista propón que sexa número tres por Pontevedra, xusto despois da deputada Montse Prado e do cabeza de lista, Luís Bará, co que quedarían representadas as comarcas de Pontevedra, Arousa e Vigo nos eventuais postos de saída do Bloque. 

Alexandra Fernández, que se desmarcou do grupo confederal de Unidas Podemos-En Marea na votación dos orzamentos de Pedro Sánchez que non viron luz verde e desembocaron nas primeiras eleccións xerais tras a moción de censura a Mariano Rajoy, xa mostrara o seu apoio ao BNG nos últimos comicios ao Congreso, que supuxeron o regreso da formación nacionalista galega á Cámara baixa. 

O Consello Nacional aproba este sábado as listas

O BNG avanzou este xoves os cabeza de lista polas catro provincias, postos nos que repiten Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Luís Bará (Pontevedra). Ademais, tamén serán candidatos en postos que se esperan de saída os outros dous deputados na décima lexislatura: Xosé Luis Mini Rivas (número dous pola Coruña) e Montse Prado (dous por Pontevedra). 

Os nacionalistas xa anunciaran, tamén, unha importante presenza feminina nas candidaturas e incorporacións relevantes ás listas e, de feito, falábase de incluír nomes procedentes do espazo de En Marea na súa pata nacionalista. 

Coa incorporación de Alexandra Fernández confírmase que o BNG suma activos do nacionalismo descontento co que se denominou espazo de confluencia e que levou tamén á división do espazo político que no seu momento se aglutinou ao redor de En Marea. Ese partido decidiu non presentarse ás eleccións o próximo 5 de abril.
 

Tres mulleres á fronte de listas 
Ana Pontón, candidata do BNG á presidencia da Xunta, encabeza a candidatura pola Coruña, de maneira que os nacionalistas colocan mulleres como primeiras nas listas de tres das catro circunscricións. O Consello Nacional aproba este sábado as listas coas que o Bloque concorrerá á cita electoral de abril, das que Pontón destacou a renovación, mocidade e experiencia. 

O Bloque, nunha situación complicada tras as escisións de 2012, logrou entón seis deputados, que agora se ven premiados polo traballo realizado. 

A proposta da Executiva Nacional realizouse logo de escoitar as asembleas comarcais nun proceso no que participaron, segundo as cifras achegadas pola formación, uns 1.450 militantes en 25 asembleas por toda Galicia, incluída a emigración vía telemática.

O BNG recruta a exdeputada de En Marea Alexandra Fernández para a...
Comentarios