martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

A borrasca Bárbara deixará intensas choivas e fortes ventos ata o xoves

Dous homes con máscara pasean pola rúa. DAVID FREIRE
Varias persoas camiñando este luns por Pontevedra con paraugas. DAVID FREIRE
Os refachos superaron este luns os 100 quilómetros por hora en varios puntos da comunidade

A borrasca atlántica Bárbara que xa tomou Galicia deixará ata o xoves abundantes e persistentes choivas e intensos refachos que superarán os 100 quilómetros por hora nalgúns puntos da Península. Na comunidade xa se pasou ese limiar este luns en Viveiro, Muras, Cuntis, Oia, Vimianzo, Camariñas, Cedeira, Maceda ou Carballeda de Valdeorras.

Tras este inicio de semana, chega un martes que a nivel estatal se prevé que sexa "o día con tempo máis adverso". Avánzao Rubén del Campo, portavoz da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), porque se anuncia que o vento do sur soprará con refachos fortes ou moi fortes no norte e o oeste da Península, sen descartar "refachos tempestuosos" na Cordilleira Cantábrica, acompañadas de choivas, intensas en toda España, salvo o Mediterráneo e Balears.

Ao longo do martes en puntos do sur de Galicia, Asturias, oeste de Castilla y León, Extremadura, Andalucía occidental e Madrid poderanse superar os 40 litros por metro cadrado.

METEOGALICIA

Así as cousas, Meteogalicia espera unha mañá de ceos parcialmente cubertos, con algunha choiva "miúda" en Ourense, e que a partir do mediodía as precipitacións se estendan a toda Galicia. Serán máis persistentes na provincia de Ourense e o sur da Lugo.

As temperaturas, mentres, descenderán lixeiramente. 


Temperaturas mínimas e máximas previstas para o martes
A Coruña          16°     18°    
Ferrol                14°     19°    
Lugo                   8°      19°
Ourense             9°      22°    
Pontevedra      12°     19°    
Santiago          13°     17°
Vigo                  14°     19°

As previsións da Aemet para o mércores apuntan a que o ambiente estará máis fresco na metade oriental de España, mentres que a choiva será protagonista en case toda a Península e en Canarias, con especial incidencia no oeste de Galicia, no sistema central, na Cordilleira Cantábrica e no Pirineo. Haberá, ademais, refachos fortes de vento en Galicia, Castela e León e Cantabria.

A partir do xoves, continuarán as choivas, menos intensas que en xornadas anteriores, pero aínda abundantes en Galicia, Extremadura, Andalucía, sistema central e Pirineos. 

A borrasca Bárbara deixará intensas choivas e fortes ventos ata o...
Comentarios