Caballero: "Vox xa apareceu para dicir que vai salvar o soldado Feijóo"

O candidato do PSdeG, sobre a sondaxe de Metroscopia: "As mellores enquisas foron as xerais de 2019"
Gonzalo Caballero, en Ferraz. EUROPA PRESS
photo_camera Gonzalo Caballero, en Ferraz. EUROPA PRESS

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, resaltou que Vox "xa apareceu" na precampaña das eleccións galegas "para dicir que vai salvar o soldado Feijóo", en referencia a unhas declaracións nas que o partido de Santiago Abascal fixou como obxectivo ser determinante na formación de goberno en Galicia tras os comicios do 5 de abril. 

Caballero ofreceu estas declaracións antes de participar no Comité Federal que tivo lugar en Madrid na mañá deste sábado, xornada na que os populares galegos celebraron en Vigo o acto de lanzamento de Alberto Núñez Feijóo como candidato á Presidencia da Xunta. 

Segundo Caballero, Feijóo elixiu a Galicia "urbana" para presentar a súa candidatura "porque logo de once anos de desprezo e abandono ás cidades quere usar o escenario urbano como trampolín para alcanzar un rédito electoral do que está distante". 

Ao "rexeitamento frontal" que, di, ten na Galicia urbana o PP "onde non gaña as eleccións", o candidato socialista sumou "o desgaste" de Núñez Feijóo no medio rural, o que levou a Caballero a proclamar que "se hai participación" na cita do 5 de abril "o vento de cambio será imparable". 

"Queremos combater á dereita e á ultradereita e abrir unha etapa de progreso liderada polo PSdeG que estea ao servizo dos galegos", manifestou o líder dos socialistas galegos, que comentou que Vox xa expresou a súa vontade de salvar "o soldado Feijóo". 

"NO BICO DOS PÉS" POLA CAMPAÑA. Así mesmo, Gonzalo Caballero acusou ao presidente galego e candidato á reelección polo PP de querer "pasar no bico dos pés" pola campaña electoral mentres "está escondido detrás da publicidade institucional da Xunta". 

Neste sentido, expresou as súas dúbidas de que Feijóo "teña a valentía para confrontar nun cara a cara" nun debate, oferta que foi lanzada polo aspirante socialista e que provocou as críticas da líder do BNG, Ana Pontón. "Creo que mal empezamos a campaña querendo limitar o pluralismo político nos debates", dixo Pontón o pasado venres. 

Cuestionado respecto diso, Gonzalo Caballero indicou que "cantos máis" debates se dean na campaña, "mellor"; e que a súa oferta vai na liña de que se produza un careo "entre os dous proxectos que poden liderar a Xunta", pero que Feijóo debe "debater con todas as forzas do arco parlamentario". "Alí onde estea Feijóo, estarei eu enfronte", apuntou Gonzalo Caballero. 

ENQUISAS. Así mesmo, tamén foi cuestionado pola enquisa elaborada por Metroscopia e publicada pola dixital El Confidencial, que outorga ao PP unha nova maioría absoluta con 39 escanos, dous menos dos que obtivo en 2016, e ao Partido Socialista 16, dous máis que nas últimas autonómicos. 

"A mellor enquisa que houbo Galicia foron os procesos electorais de 2019", subliñou Caballero, que remarcou que "o 55% dos galegos" manifestaron nas urnas que "queren un cambio" na Xunta "que estará liderado polo PSdeG". 

Sánchez apoia a Caballero
O presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, aproveitou a súa intervención ante o Comité Federal do seu partido para arroupar aos dous candidatos socialistas nas eleccións galegas e vascas do 5 de abril próximo, en Galicia e o País Vasco. 

Sánchez advertiu de que en Galicia os partidos "progresistas" están "moi empatados" co PP, polo que ve a competición "aberta". O líder socialista advertiu de que se o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, revalida a maioría absoluta os populares traballarán para "desmantelar o Estado de Benestar en Galicia". Por iso, na súa opinión, os galegos necesitan á fronte da Xunta ao socialista Gonzalo Caballero.

Comentarios