El tiempo
viernes. 01.07.2022
El tiempo

Case o 40% de mortos na rede viaria galega o ano pasado consumira alcol ou outras drogas

El director general de Xustiza, Juan José Martín, y la responsable del Imelga, Beatriz Otero. LAVANDEIRA JR.
El director general de Xustiza, Juan José Martín, y la responsable del Imelga, Beatriz Otero. LAVANDEIRA JR.

O Imelga realizou un total de 1.972 autopsias en 2018, nove delas por crimes ►O número de suicidios diminuíu en todas as provincias galegas menos en Lugo, onde creceron un 6%

Case o 40% de mortos na rede viaria galega o ano pasado consumira alcol ou outras drogas, segundo se desprende da memoria de actividades do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) presentada este martes pola directora da entidade, Beatriz Otero, e polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín. 

Tal como explicou Otero, o Servizo de Patoloxía Forense do Imelga, encargado de todas as pericias que teñen por obxectivo coñecer a causa e circunstancias do falecemento nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade, incrementou a súa actividade un 7,1% en 2018, ao realizar até 1.972 autopsias, das cales 1.060 foron por morte natural, mentres que 912 por morte violenta, delas nove foron por crimes e até 615 por accidentes, entre os que se inclúen 138 na rede viaria. Así, o dato de case 140 falecidos na rede viaria galega incorpora, segundo a directora do Imelga, tamén os que perderon a vida en vías urbanas e pistas (a diferenza das cifras que facilita a DXT) e neles recóllense todos os implicados que morreron, xa sexan condutores ou acompañantes, así como peóns e ciclistas. 

O informe asegura que case o 80% das vítimas mortais en accidentes de tráfico na comunidade continúan sendo homes. Así mesmo, a diferenza entre sexos non se limita só á cifra, senón que tamén se traslada ás modalidades do sinistro. A maioría das mulleres faleceron por causa de atropelos ou circulaban como ocupantes, xa que as condutoras só foron o 27,58% das vítimas. 

A tendencia é que cada vez a xente bebe menos, pero os que beben fano máis

Polo contrario, case o 70% dos homes falecidos eran condutores. Por idade, a mortalidade en accidentes de tráfico ascendeu especialmente nas franxas de 35-39 anos e 65-74 anos. En canto á modalidade do accidente, a saída da vía e a colisión entre vehículos foron as causas máis frecuentes.

ALCOL OU OUTRAS DROGAS. Nun estudo específico, realizado aos mortos en accidentes no acto (sen contar cos que sobreviviron durante uns días, xa que foron tratados con medicamentos) e tamén omitiendo aos acompañantes falecidos (por non ter un labor específico no suceso), mostra que dos 107 corpos analizados, case no 40% atopáronse alcol ou drogas. "A sustancia máis frecuente atopada foi o alcol, positivo en 32 casos, ben como único tóxico (23 casos), ben en combinación con outras drogas (9 casos). As drogas que se consumiron conxuntamente co alcol foron cocaína, ou cannabis e cocaína. Nos positivos en drogas, tamén a droga principal foi a cocaína, soa ou en combinación co cannabis", explica o informe. 

Por primeira vez en sete anos descende dos 300 casos o número de suicidios

Neste sentido, Otero lamentou que en máis da metade dos casos falecidos trátase de cifras "moi por encima" do límite legal, con até dous gramos en sangue, cantidades que case corresponden a un "estado comatoso". "A tendencia é que cada vez a xente bebe menos, pero os que beben fano máis", lamentou. 

Dos mortos con positivo en alcol, tres foron peóns, con idades superiores aos 65 anos, todos homes. Dous deles presentaban cifras superiores a 1,2 gramos de alcol por litro de sangue.

SUICIDIOS. Pola súa banda, dentro das mortes violentas, o segundo lugar ocúpano os suicidios, con 288 dos 615 casos. Desta maneira, por primeira vez en sete anos descende dos 300 casos, o que en termos porcentuais tradúcese nun descenso do 11,11%. 

Neste caso concreto, as vítimas principais continúan sendo homes, cunha idade mínima de 18 anos e máxima de 97 anos. Este tipo de mortes diminuíu en todas as provincias galegas menos en Lugo, onde creceron un 6%. 

O instituto realizou en 2018 un total de 25.437 informes periciais médicos, psicolóxicos e sociais

Por último, dentro do capítulo de mortes violentas, situáronse as causadas por homicidio, un total de nove en 2018, seis deles na Coruña e un en cada unha do resto das provincias. Así mesmo, 1.060 falecidos foron por morte natural. Nelas, a patoloxía máis numerosa foi a cardiovascular, e supuxo máis do 70% dos casos.

INFORMES. O Imelga, tal como explicou este martes o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, é o órgano da administración de xustiza que ten como misión prestar asistencia aos tribunais en xeral. O ano pasado, este instituto realizou un total de 25.437 informes periciais médicos, psicolóxicos e sociais. A maioría correspondéronse coa área médica (22.301), seguidos da psicolóxica (1.760) e social (1.376). 

No caso da pericia médica, a maioría das actuacións relacionáronse coa valoración física ou psicofísica. Estas valoracións levan a cabo en casos relacionados con agresións, lesións laborais, de tráfico, estados de saúde, capacidade laboral ou minusvalía. A continuación, sitúanse as pericias en psiquiatría forense (incapacidade, internamento, drogradicción) e outras, como as que se realizan dentro da valoración integral da violencia de xénero, que inclúe tamén as probas psicolóxicas e sociais. 

A pericia psicolóxica, como vén sucedendo en anos anteriores, centrouse tamén en 2018 nas actuacións psicosociais en materia de familia, que supoñen o 72,25% da carga de traballo desta área. A continuación, "pero con moita diferenza", sitúanse as valoracións propiamente psicolóxicas, como son as de credibilidade de testemuño en menores vítimas de abuso sexual, de dano psicolóxico ou da personalidade. 

Pola súa banda, a pericia social centra case a totalidade da súa actividade nas pericias conxuntas: ben en asuntos de familia, xunto coa pericia psicolóxica (85,92%) ou ben dentro das valoracións integrais de violencia de xénero (12,4%).

Case o 40% de mortos na rede viaria galega o ano pasado consumira...
Comentarios