Os casos activos en Galicia baixan en 24 ata os 178

Os curados ascenden en 34 persoas, ata as 11.116, mentres que sete mantéñense en unidades de hospitalización 
Hospital da Mariña, en Burela.JMª ÁLVEZ
photo_camera Hospital da Mariña, en Burela.JMª ÁLVEZ

Os casos activos por coronavirus en Galicia descenderon este martes en 24, ao pasar dos 202 do luns a 178. Así, baixaron en 30 os de Lugo, que conta cun significativo brote na Mariña, pero hai catro novos na área da Coruña, un en Santiago e outro en Vigo. 

En concreto, segundo a última actualización de datos da Consellería de Sanidade, 106 dos casos activos corresponden coa área de Lugo, que experimenta un forte descenso, con 30 menos. Pola súa banda, soben en catro, até os 31 casos, os rexistrados na área sanitaria da Coruña. 

Ademais, detectouse un novo caso Vigo, área sanitaria na que ascenden a 18; e outro en Santiago, onde hai detectados un total de 9. Pola súa banda, Pontevedra mantense con nove e Ourense con cinco. Ademais, non hai ningún na área de Ferrol. 

Do total de pacientes positivos, sete continúan en unidades de hospitalización e 171 permanecen no seu domicilio. Pola súa banda, a Uci galegas continúan sen pacientes de coronavirus.

UN CASO VINCULADO A RESIDENCIAS. Dentro dos casos rexistrados en Galicia hai un vinculado con residencias de maiores, segundo concreta Sanidade, que corresponde a unha traballadora dun centro de Burela, mentres os xeriátricos seguen sen usuarios infectados. 

Sanidade apunta que, até a data, curáronse 11.116 persoas, 34 máis que na xornada do luns, e que até o momento faleceron 619 pacientes con Covid. A última vítima foi notificada o 10 de xuño e correspóndese cun home de 83 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Do total, 274 estaban vinculadas con residencias. 

O número de PCR realizadas até este martes na comunidade galega ascende a 235.064, que son 798 máis das que figuraban nos datos do luns. 

A Consellería de Sanidade reiterou que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. 

Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web http://coronavirus.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos. 

Comentarios