Os casos activos en Galicia situánse en 180, dous máis que na xornada anterior

Trátase do primeiro repunte de positivos en varios días
Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo. ARCHIVO
photo_camera O último falecemento por coronavirus en Galicia rexistrouse na área sanitaria de Vigo o pasado 10 de xuño. ARCHIVO

Os casos activos por coronavirus en Galicia sitúanse en 180 este mércores, o que supón dous máis que o día anterior, no primeiro repunte tras varios días consecutivos á baixa.

En concreto, subiron en seis casos os da área da Coruña, que rexistra 37 en total –unha cifra de aumento que coincide cos positivos do equipo do Fuenlabrada–. Tamén aumentan os casos na área de Santiago, con dúas máis ata 11, e na de Vigo, con dúas máis ata 20.

En cambio, baixan en oito os activos na área de Lugo, de forma que quedan en 98. Pola súa banda, mantéñense sen cambios en Ourense (5), Pontevedra (9) e Ferrol (ningún).

Do total de pacientes positivos, oito están en unidades de hospitalización, o que supón un máis. Mentres, 172 permanecen no seu domicilio –uno máis–. Así mesmo, as UCI galegas continúan sen pacientes de coronavirus.

NINGÚN CASO VINCULADO ÁS RESIDENCIAS. Ademais, xa non hai ningún caso –nin empregado nin usuario– vinculado a residencias de maiores, ao deixar de figurar unha traballadora dun centro de Burela.

Sanidade apunta que, ata a data, curáronse 11.131 persoas, 15 máis que na xornada do martes, e que ata o momento faleceron 619 pacientes con Covid en Galicia.

A última vítima foi notificada o 10 de xuño e correspóndese cun home de 83 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Do total de mortes, 274 estaban vinculadas con residencias.

O número de PCR realizadas ata este mércores na Comunidade galega ascende a 236.787, que son 1.723 máis das que figuraban nos datos do martes.

A Consellería de Sanidade reiterou que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Comentarios