Discursos que invitan á participación, avisos sobre a necesidade de non confiarse e chamadas a favor da continuidade ou do cambio, segundo o caso, marcaron o arranque da campaña electoral en Galicia para os xenerais do 28, con motivo da habitual pegada de carteis a medianoite.
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, foi un dos que máis incidiu na necesidade de acudir ás urnas nestes decisivos comicios e, no exercicio dese dereito, a depositar a confianza no PP porque, pola contra, "só lle irá mellor a Pedro Sánchez e iso non é bo nin para os galegos nin para o resto de españois".
Un centenar de militantes e simpatizantes do partido arroupárono no acto celebrado nun coñecido hotel da Coruña, acompañado polos candidatos ao Congreso, Marta González, e ao Senado, Miguel Lorenzo, e o presidente provincial, Diego Calvo, ademais doutros cargos do Goberno e do partido.
Núñez Feijóo atacou o proxecto de Cs e de Vox en Galicia e espetou: "Pídovos que non votedes a Vox e a Cs. Un voto a Vox é un voto directo ao PSOE e un voto a Cidadáns é un voto indirecto ao PSOE", argumentou, para engadir a continuación que "se unimos os votos de centro e dereita no partido de centro dereita que é o PP, gañaremos as eleccións".
Mentres, na capital galega, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu a esa mesma cidadanía que non se confíe e que salga a votar nas próximas eleccións a pesar de que -asegurou- o vento "sopra a favor" do PSOE nestes comicios dos que sairá o novo goberno de España.
Caballero estivo acompañado, entre outros, pola candidata ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña, Pilar Cancela; o alcalde de Ames e membro da Executiva autonómica, José Miñones; ou o candidato á alcaldía da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo.
En declaracións aos medios de comunicación, o líder do PSdeG apelou a unha "mobilización masiva" dos votantes para evitar que se produza un novo "susto" como o sucedido en Andalucía e defendeu o "voto útil" cara ao PSOE "fronte ao risco da ultradereita".
No sur da Comunidade, En Común Unidas Podemos deu un paso máis aló e avisou de que "o próximo Goberno dependerá dos resultados de Galicia".
A cidade de Vigo foi o lugar elixido polas cabezas de lista de Pontevedra e A Coruña ao Congreso,, para este pistoletazo de saída, na Porta do Sol.
"Pode haber un Goberno progresista ao servizo da xente e das maiorías sociais, e pasa por que En Común Unidas Podemos teña un resultado que coloque a Galicia no Estado para ser determinante para o próximo Goberno", dixo directamente a candidata por Pontevedra ao Congreso Yolanda Díaz.
En Santiago, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, apostaron por defender "Galicia e frear "a involución democrática".
"Votar ao BNG é votar con ilusión a favor de Galicia, garantía de que imos condicionar a política do Estado para mellorar a vida dos galegos e as galegas e, ao mesmo tempo, é un voto a favor de dereitos e liberdades", apuntou Pontón durante este acto na emblemática Praza de Praterías, aos pés da Catedral.
Pontón compartiu protagonismo, ademais de Rego, coa vicepresidenta da Deputación da Coruña e candidata á alcaldía de Compostela, Goretti Sanmartín, así como por un centenar de simpatizantes que pecharon o acto a berro de Galiza "ceibe, poder popular".
En Marea iniciou oficialmente a súa campaña electoral con pegadas de carteis simultáneas en Lugo, Ourense, Vigo e un acto central en Santiago de Compostela, onde o seu portavoz, Luís Villares, avanzou que a formación se centrará en impulsar "unha axenda propia" para "unha Galicia de oportunidades".
"Queremos participar da conformación dunha maioría democrática que amplíe os dereitos no conxunto do Estado, sumando para todas pero sen restar para ninguén", anunciou Villares.
O portavoz da formación rupturista estivo coas cabezas de lista ao Congreso dos Deputados e ao Senado pola provincia da Coruña, Ana Seijas e Mariló Candedo, respectivamente, así como por outros candidatos, como Alba Nogueira ou Adrián Deus.
A candidata de Cidadáns pola Coruña, Marta Rivera, fixo unha enarborada defensa á súa vez do proxecto do seu grupo para Galicia logo de anos "de resignación, de relegación e de compracencia, de non ter representación útil" na Comunidade.
No seu discurso ante varias decenas de militantes e simpatizantes do partido na Mariña, Rivera anunciou que na campaña do seu partido hai "propostas, solucións, programa e liñas de desenvolvemento realizadas en Galicia e para Galicia".
E, logo de destacar a "experiencia" dos seus equipos e o "liderado forte" desde os "valores constitucionais" da súa organización, animou cun "imos", a lema da súa formación, a apoiar un proxecto de progreso para o desenvolvemento do rural, a defensa da pesca, o crecemento das industrias, os emprendedores e o emprego en Galicia.