As aldeas galegas recuperan vida coa chegada de novos veciños internacionais

Cada vez hai máis iniciativas que buscan frear o despoboamento da Galicia interior. É o caso de Sende ou Anceu, dous colivings que atraen profesionais de todo o mundo á vez que colaboran no desenvolvemento rural

Unha das reunións de traballo entre os hóspedes do coliving de Anceu en Ponte Caldelas. CEDIDA.
Unha das reunións de traballo entre os hóspedes do coliving de Anceu en Ponte Caldelas. CEDIDA.

En Galicia existen lugares nos que xa non quedan pegadas nin luces. A 1 de xaneiro de 2024, segundo datos do INE, as aldeas deshabitadas do noso territorio ascenderon ás 1.912, máis da metade do total español. Unha cifra que, se a medimos en superficie, equivale a 11.776 quilómetros carentes de vida humana ou, mellor dito, ao 40% da extensión da nosa comunidade. Esta crúa realidade está respaldada, ademais, polo estudo de distribución espacial do IGE -publicado a finais do ano pasado- que evidencia que a maior parte da poboación se congrega arredor dos sete grandes concellos galegos e dos municipios próximos á AP-9. 

Estes desalentadores datos confirman que o despoboamento rural galego segue máis presente ca nunca. Cada vez son máis as pequenas poboacións ou núcleos que van perdendo a súa memoria, a súa historia e a súa vitalidade. Porén, hai motivos para a esperanza: nesta sombra non deixan de xurdir iniciativas que buscan revitalizar a Galicia baleirada e frear o último alento de moitos pobos. É o caso dos proxectos de coliving, isto é, vivendas comunitarias construídas en contornas rústicas onde se mestura o coworking, a natureza e as accións de dinamización rural. Non é unha innovadora forma de turismo, senón un novo modelo de habitar os nosos espazos.

Unha porta aberta ao intercambio de miras

Sende é un dos colivings galegos pioneiros. Abriu no ano 2013 en Senderiz, unha aldea da localidade ourensá de Lobeira, da man de María Rodríguez e Edo Sadikovic. A artista e educadora social e o emprendedor coñecéronse en Serbia e decidiron reconvertir antigas casas e establos galegos en lugares para vivir e traballar.

A día de hoxe, tal e como asegura a fundadora, reciben a creativos de máis de 60 países “que veñen pasar tempo na nosa montaña mentres traballan nos seus propios proxectos”. É o caso de ilustradores, deseñadores de xogos, directores de cine, arquitectos ou programadores.

A uns 150 quilómetros, no municipio de Ponte Caldelas, Anceu Coliving comparte esa misma filosofía. Naceu no ano 2020 da man de Agustín Jamardo -un caldense que despois dunha tempada teletraballando polo mundo adiante decidiu afincarse no rural- e dá acubillo a diferentes perfís profesionais por una estancia mínima dun mes. Proveñen tamén de múltiples países, como Alemaña, e adoitan exercer de forma telemática. Como el mesmo explica, son persoas “que traballan en grandes consultoras, en pequenas startups ou incluso que dan clases de enfermería online”. 

Edo Sadikovic E María Rodríguez, impulsores do coliving de Sende. CEDIDA.
Edo Sadikovic e María Rodríguez, impulsores do coliving de Sende. 

Tanto en Anceu como en Sende a comunidade é o centro de todo. O obxectivo principal é coñecer a xente diversa coa que compartir experiencias, formas de vivir a vida e ata consellos e ideas para mellorar no ámbito laboral. “Vemos isto como unha ferramenta para traballar en distintos eventos e en problemas difíciles”,  conta María. Unha idea que reafirma Agustín sen dubidalo: “é común que se alguén está lanzando un produto novo faga unha sesión co resto de persoas do coliving para que lle deamos ideas, discutamos os puntos débiles e fortes,...”.

Para atopar o equilibrio entre a parte profesional e a comunidade, en ambas vivendas comunitarias seguen unha rutina moi ben estruturada. “Dentro do coliving sabemos o horario para traballar e o horario para o tempo libre”, explican desde Sende. Polas mañáns cada persoa adica tempo ao seu proxecto e ao rematar a xornada organízanse actividades como charlas, películas, paseos ou ceas colectivas.

O creador de Anceu define esta experiencia como “moi enriquecedora” e destaca a importancia das conexións cotiás. “Non temos as típicas charlas de xente que está de paso dous días”, asegura. “As conversas que xorden mentres cortas cebolas son moito máis profundas”.

Unha nova forma de vivir no rural

O impacto das interconexións xeradas tamén traspasa os muros destas vivendas comunitarias. En Senderiz, veciños e colivers cooperan no mantemento da contorna. María afirma que forman “parte da aldea" e participan "na súa comunidade”, son os responsables “de limpar o rego para levar auga á vila” e tamén traballan en “solucións que poidan previr os incendios forestais”.

En Anceu, pola súa parte, colaboran man a man coa comunidade de montes e coa de augas para evitar ser “unha illa separada do que sucede” alí. En palabras de Agustín, “cada vez que podemos facemos proxectos na casa do pobo ou coa xente de arredor”. 

Os resultados destas asociacións son significativos no eido veciñal, na contornal natural e no comercio local. Desde o coliving de Lobeira falan dun “microimpacto” que cambia “como outras persoas ven as aldeas” e que inspira á creación doutros proxectos de igual índole dentro -e fóra- de Galicia.

A propietaria de Sende defende que amosan “que a xente pode regresar á terra, ter os seus xardíns, producir produtos e crear arte sen esquecer a aldea en xeral”. Unha visión coa que concordan en Anceu, onde consideran que isto vai acabar por atraer máis veciñanza e poboación. “Se ao final creas comunidade e xestionas cousas, aí sí que se queda a xente a vivir”, xustifica o seu propietario.

Agustín Jamardo, segundo pola esquerda, nunha das ceas comunitarias. CEDIDA.
Agustín Jamardo, segundo pola esquerda, nunha das ceas comunitarias. CEDIDA.

A Agustín non lle falta razón. Se ben hai persoas regresan cada ano para vivir a experiencia do coliving, outras coñecen o rural galego e acaban por establecer o seu fogar nel. En Anceu xa se estableceron varias persoas. É o caso de Víctor Herrero, un profesor madrileño que pediu unha excedencia na época pospandémica e comezou un periplo por todo o mundo. “Viajé durante dos años por zonas rurales y tuve trabajos de temporada ligados a la vida en el campo”, explica.

Ao mesmo tempo, desenvolveu unha investigación sobre as escolas rurais para un mestrado que estaba a cursar e polo cal se estivo “moviendo en busca de testimonios”. Viviu na Huesca pirenaica, nunha granxa francesa, nos Alpes e nunha casa familiar en Almería.

Entón, por que Galicia? Por que Anceu? O culpable non é outro que o propio Agustín, que lle ofreceu participar no proxecto piloto da súa vivienda comunitaria. O mestre madrileño aceptou a oferta e pasou uns meses de outono en Ponte Caldelas. A experiencia, a contorna e a veciñanza gustáronlle tanto que, unha vez tivo a necesidade de parar e asentarse, non pensou noutro lugar.

Ofrecéronlle vivir no antigo bar da aldea, que levaba cinco anos abandonado, e transformouno nunha vivenda e nun punto de encontro deportivo. Rural Champs, que así se chama a escola que dirixe, é un proxecto con alma rural que “impulsa la salud y la vida local en el corazón de Galicia”. A través deste negocio, ofrece adestramentos funcionais a máis de vinte veciños maiores, traballa cos colexios da zona, da clases de baloncesto e mesmo organiza campamentos de verán. 

Víctor Herrero, creador de Rural Champs. CEDIDA.
Víctor Herrero, creador de Rural Champs. CEDIDA.

No seu tempo libre, Víctor adícase ao xardín, á horta e ao desenvolvemento personal, sen esquecer ao seu gato Pancho. Confesa que lle gusta a vida no rural galego e que non volvería á capital. “No echo de menos el ocio de Madrid, aunque si a mis amigos”, asegura.

Con todo, quere afastarse da romantización do rural. Afirma que “aquí también hay problemas de vivienda o trabajo”, pero que son zonas que se poden revitalizar cando “hay dinero y se aumenta la oferta de ocio”. Coma el pensa Agustín, que ve neste problema unha boa oportunidade de futuro. “Habendo máis xente nova facendo cousas, as probabilidades de que xurdan novos negocios son máis altas”, sinala.

Dúas aldeas que se manteñen e incluso medran

Os datos reflicten o éxito destas iniciativas. Mentres que en Galicia non paran de proliferar as aldeas pantasma -entre 2023 e 2024 a cifra aumentou en 32-, estes dous núcleos de Ponte Caldelas e Lobeira manteñen un censo constante e ata conseguen medrar. Anceu pasou dos 145 habitantes no 2020 aos 154 en 2024 e Senderiz permanece arredor dos 40 habitantes desde o ano 2013.

Así pois, os exemplos destas pequenas comunidades evidencian que o futuro do rural pasa pola capacidade de reinventarse e lémbrannos que é posible construír aldeas vivas e dinámicas. Entre xardíns, proxectos comunitarios, traballos telemáticos, colaboración e tecnoloxía, os pequenos núcleos poden prosperar grazas ao impulso de persoas como Agustín, María ou Víctor.

Comentarios