A Consellería de Educación impulsa un proxecto para adaptar titulacións a profesións do futuroc

Incluirá un catálogo de profesións de futuro e unha proposta de novas titulacións e especialidades para o Sistema Universitario de Galicia

Estudantes, en Selectividade. SALVADOR SAS
photo_camera Estudantes, en Selectividade. SALVADOR SAS

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou este mércores o proxecto de elaboración da iniciativa Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, co fin de determinar que profesionais e que sectores van ser tracción de economía e emprego na década 2020-30 na comunidade galega.

O documento, que será elaborado pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) por encargo da Consellería, incluirá tanto un catálogo de profesións de futuro como unha proposta de novas titulacións e especialidades para o Sistema Universitario de Galicia (SUG), informou a Xunta nun comunicado.

Román Rodríguez incidiu na necesidade de adiantarse ás necesidades do tecido socio-económico, co fin de lograr o maior grao posible de transferencia de coñecemento entre as universidades e o resto da sociedade, de tal forma que o SUG funcione como motor de desenvolvemento de Galicia. 

O proxecto desenvolverase en dúas fases. A primeira delas consistirá na elaboración dun Catálogo de profesións de futuro, cunha ficha para definir cada perfil profesional. Para iso, identificaranse as macrotendencias globais e os sectores estratéxicos e identificaranse cales son os que teñen maior capacidade na actualidade e no futuro inmediato de tracción da economía e o emprego en Galicia. 

En base a esa información, identificaranse as ocupacións futuras en cada sector para a definición final do catálogo. 

Na segunda fase realizarase unha análise das titulacións universitarias que se están impartindo a nivel internacional e outro da oferta de titulacións e especialidades do SUG. Esta información contrastarase co Catálogo de perfís profesionais para a confección dunha proposta de novas titulacións.

O proxecto presentouse no marco dunha xornada desenvolvida no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura, na que tamén se celebrou unha mesa redonda sobre o emprego universitario do futuro, coa participación de representantes do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), de Televés, de Anfaco-Cecopesca, da Universidade da Coruña e de Abanca. 

Comentarios