Cristina Fernández, investigadora: "Non se analizou abondo a política de Vox en control social"

A facultade de Dereito da UDC convértese estes días nun foro internacional onde máis de medio cento de especialistas debaten sobre migración ou democracia. A coorganizadora do evento destaca o papel da criminoloxía galega a nivel global
Cristina Fernández Bessa. EP
Cristina Fernández Bessa. EP

A UDC acolle esta semana o congreso New Right, Authoritarianism and Penality, que reunirá especialistas de Europa e América para debater sobre a relación entre autoritarismo e control social. Cristina Fernández Bessa, profesora e investigadora da UDC, coorganizadora do encontro, analiza as claves dun debate tan actual como necesario.

Por que é importante que A Coruña e a UDC acollan unha cita internacional deste nivel?
É importante, cando menos, porque sitúa á UDC e á súa Facultade de Dereito nun eido de excelencia académica, a nivel internacional. A UDC destaca moito nalgunhas áreas e a criminoloxía e, máis en xeral, os estudos sobre o sistema penal, son unha delas. Especialmente no último bienio, a UDC ten feito un traballo moi intenso de internacionalización e non cabe descoñecer que, en grande medida, ese traballo comezou en Dereito, que ten un grao plurilingüe case único en España.

O título do congreso fala de "nova dereita, autoritarismo e penalidade". Que conexión existe entre estes conceptos?
É notorio que se está a producir unha transformación no campo político, coa polarización partidaria, a emerxencia de partidos de extrema dereita e o que na ciencia política se denomina retroceso democrático e auxe do autoritarismo. Este fenómeno, en toda a súa diversidade, ten múltiples derivadas en materia de axenda política e políticas públicas. Unha delas é que se refire ao que, en termos xerais, denominamos penalidade, isto é, as políticas de control social e control do delito, como o control migratorio. A nova axenda e as novas políticas nesta materia, coas súas diferenzas entre lugares como Arxentina, Brasil, Italia ou Plonia, así como entre países onde a extrema dereita non gobernou –por exemplo, España, Irlanda, Reino Unido, Suecia...–, é o que pretende analizar o congreso.
Que achega a criminoloxía made in Galicia e España a este debate?
A criminoloxía galega e española fai unha contribución a este debate, ante todo, como campo académico cun desenvolvemento moi notable nos últimos tres lustros, que ten unha capacidade cada vez maior de formar parte da excelencia académica a nivel internacional. En concreto, no marco da UDC, moitos integrantes do grupo de investigación Ecrim teñen un elevado nivel de recoñecemento internacional, con presentacións nos principais congresos mundiais, publicacións frecuentes nas revistas que encabezan os ránkings a nivel global e responsabilidades na dirección de grupos de traballo e proxectos internacionais. No eido máis concreto de estudo deste congreso, membros do Ecrim analizarán a axenda de control social e control do delito de Vox e as contrarreformas en materia de delitos de violencia sexual, mentres outras académicas españolas analizarán outras cuestións, entre elas o lawfare ou, en termos máis xerais, o punitivismo.

O congreso reúne voces de Europa, América e tamén de Galicia. Que cre que vai ser o máis salientable destas dúas xornadas?
Creo que vai ser a posibilidade de establecer un diálogo entre académicos que traballan en países e lugares moi diferentes e que poden entender, en toda a súa diversidade, o fenómeno da polarización política e o ascenso da extrema dereita e as súas derivadas en materia de control social e control do delito. Obviamente, todo o mundo está máis ou menos informado do que fai a administración Trump, pero sabemos moi pouco de que está pasando e que se está a propoñer na outra ducia de países analizados no seminario. Aínda máis, nin sequera a academia española ten analizado abondo a política de Vox nesta materia.

Que espera que quede despois deste encontro en A Coruña?
En primeiro lugar, van quedar un conxunto de presentacións que se perfilarán para posteriores congresos internacionais e un conxunto de publicacións en revistas académicas do máximo prestixio no campo –como Punishment & Society–. Xunto a iso, agardamos que este congreso, xunto con outros internacionais de excelencia que temos organizado nos últimos anos sirvan para consolidar á UDC, á súa facultade de Dereito e aos seus equipos de investigación no lugar de recoñecemento internacional que xa teñen.

Comentarios