O Defensor do Pobo investiga de oficio o triplo asasinato de Valga

Quere coñecer a actuación do fiscal no procedemento de divorcio da parella para tutelar os dereitos dos menores
O Defensor do Pobo en funcións, Francisco Fernández Marugán. EFE
photo_camera O Defensor do Pobo en funcións, Francisco Fernández Marugán. EFE

O Defensor do Pobo en funcións, Francisco Fernández Marugán, iniciou dúas investigacións de oficio polos dous novos crimes machistas acaecidos esta semana, que se unen ás máis de 50 actuacións desenvolvidas pola institución para garantía dos dereitos das vítimas. 

En ambos os casos o Defensor pediu información á Fiscalía Xeral do Estado e no asasinato de Madrid, tamén iniciou actuacións coa Secretaría de Estado de Seguridade, segundo informou a institución nun comunicado. 

O Defensor está a investigar de oficio o asasinato de tres mulleres en Valga, onde o pasado luns o autor confeso asasinou a súa exparella, a súa excuñada e á súa exsogra en presenza dos seus dous fillos menores, de catro e sete anos. 

"Segundo as informacións aparecidas nos medios de comunicación a parella estaba separada desde facía dous anos e en xaneiro de 2018 obtiveron a sentenza de divorcio", indica esta Institución, que engade que "ao parecer" non constaban antecedentes nin denuncias previas por violencia de xénero nin na Garda Civil nin nos servizos sociais nin no centro de información á muller de Valga.

Fernández Marugán pediu á Fiscalía Xeral da Estado información sobre o seguimento deste caso e quere coñecer a actuación do fiscal no procedemento de divorcio da parella para tutelar os dereitos dos menores e garantir que as medidas que se adoptaron non prexudicaron os intereses destes nenos. "Segundo se publicou, a contorna familiar coñecía o carácter agresivo do pai e a mala relación da parella", apostila. 
 

MADRID. Tras coñecer o asasinato dunha muller en Madrid, presuntamente a mans da súa parella e en presenza das dúas fillas menores de ambos, o Defensor pediu á Secretaría de Estado de Seguridade que remita información sobre a elaboración e comunicado á autoridade xudicial competente e ao Ministerio Fiscal da estimación do nivel de risco para a nai e para as menores que convivían coa parella. 

Segundo indica o Defensor existían denuncias previas da vítima sobre o agresor e as autoridades tiñan constancia de que esta sufrira malos tratos en diferentes épocas da súa vida en común. Tamén pediu coñecer a quen se remitiu esta información e se se adoptaron outras medidas de protección adicionais, en especial as medidas de seguimento tomadas tras a última denuncia da vítima. 

Ademais, Fernández Marugán dirixiuse á Fiscalía Xeral do Estado para coñecer o seguimento dado polo Ministerio Fiscal a este caso tendo en conta que a vítima tiña menores ao seu cargo. En concreto, o Defensor preguntou á Fiscalía se recibira comunicación da estimación do nivel de risco da vítima e que actuacións realizara. 

En especial, a Institución quere coñecer se a Fiscalía de protección de menores realizara algunha intervención tras a última denuncia interposta pola muller asasinada, que foi finalmente arquivada por parte do xulgado de Madrid. 

Comentarios