A Deputación de Pontevedra denunciará o alcalde de Vilanova por incitar ao odio

Gonzalo Durán chamou "chacha para todo" á presidenta da institución provincial, Carmela Silva.

O portavoz da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font. TWITTER
photo_camera O portavoz da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font. TWITTER

A Deputación de Pontevedra anunciou este luns que denunciarán ante os tribunais ao alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, por un delito de incitación ao odio por chamar "chacha para todo" á presidenta da institución provincial, Carmela Silva.

O portavoz do goberno provincial, Carlos López Font, reiterou que a Deputación "non vai consentir" este tipo de comportamentos "machistas, clasistas e fascistas" que consideran "lamentables e indignantes".

López Font censurou que, lonxe de pedir desculpas, o rexedor de Vilanova ratificouse días despois "nun ton aínda máis ofensivo", polo que advertiu de que este feito "non debe quedar impune".

"Xa basta de quedarnos calados coma se este tipo de condutas fosen normais", subliñou o deputado socialista, que sinalou que ante declaracións "de tal gravidade" débese "saír con valentía", ao supor un "ataque á dignidade" de todas as mulleres.

López Font: "Xa basta de quedarnos calados coma se este tipo de condutas fosen normais"

O dirixente, que avanzou que Carmela Silva "non vai volver a referirse a este señor", afirmou que "somos moitos" os homes que se senten "avergoñados e indignados" coas declaracións do alcalde de Vilanova e "reafirmados" na necesidade de dar "un paso adiante" para combater un comportamento "que temos que desterrar".

Carlos López Font sinalou que a denuncia que presentará a Deputación de Pontevedra "non é persoal", ao considerar que como goberno "que ten a igualdade como prioridade" todos deben "porse de fronte a todos os que empregan unha linguaxe bélica contra as mulleres".

Tras destacar o "aluvión de chamadas" recibidas en solidariedade con Carmela Silva, López Font asegurou non entender que, tres días despois, dirixentes do Partido Popular en Galicia como Alberto Núñez Feijóo ou Alfonso Rueda "aínda non saísen a condenar este comportamento".

López Font esixiu que os dirixentes do PP "saian a dar explicacións", condenen o comportamento de Durán "e digan se van tomar medidas"

Nesta "xordeira" incluíu ao presidente nacional do Partido Popular, Pablo Casado, ao que acusou de estar "calado" a pesar da "onda de indignación e alarma social" que espertou esta violencia "verbal contra as mulleres".

"É absolutamente incomprensible e rexeitable", engadiu o deputado socialista, que se preguntou "se este é o proceso de renovación que o PP quixo vender á cidadanía".

Carlos López Font esixiu que os dirixentes do PP "salgan a dar explicacións", condenen o comportamento de Gonzalo Durán "e digan se van tomar medidas" ou, pola contra, se "referendan" esta actitude e convértense en "cómplices".

Ademais, reiterou que o alcalde de Vilanova debe dimitir "inmediatamente", ao entender que "non pode estar nin un minuto máis no seu cargo".

Comentarios