Sanremo non é Luar
A NOTICIA cultural de maior alcance no país —perdón polo chiste— está a ser que o Javi Maneiro, cantante dos Heredeiros da Crus, abandona o grupo. A metade da xente que coñecese inda que fose de oídas aos intérpretes de O teu fillo fuma porro ou Son maricón quedaría medio contrariada, xurando que para eles o cantante era o tal Tonhito de Poi; si claro, ese rapaz con traza de escapar dun Bayreuth montado pola consellería, a tope sen camiseta e cun casco wagneriano ou de romaría viquinga. Que lles soaba de telo visto na tele, tan simpático e agradable. Aló polos dourados 90 da TVG fraguiana eran modernísimos os parrafeos que botaba con Ana Kiro, o ben que se levaban parecendo tan contrarios. Ela deixara o traxe de gallega e esa pose escénica como de teatro kabuki pasada con anfetas para amosarse encantadora, incisiva; el, que refrescante e tranquilizador que houbese rockeiros sen máis perigo que che roubase o corazón nin atorrase con intelectualidades nin dixera emporiso, alicerzado ou non nembergantes.
Non adoita faltar a valentía nos músicos, pero tampouco abondan exemplos de grandes inquedanzas artísticas. O de Bowie, Battiato ou Guadi Galego non é o normal. Aquí o amigo Maneiro ben podería seguir o camiño fácil de non sei, os Estopa, e cantar con cincuenta anos as mesmas cousas que con vinte, e andar nas mesmas lerias que cando rillabas, morto de noxo nun parque, nas pipas e tirabas as cascas no chan. Que os cartiños sen dúbida molan, e nunca lles han faltar aos Heredeiros un monte de concertos no verán. Quen non foi de verbena cos nosos Kiss e mexou entre colectores do lixo cantaruxando medio bébedo aquelas letras que bueno, entendes un pouco que xa non lle fagan gracia ao Javi. Porque xa non está nesas cousas. Non se sinte cómodo e non vai finxir que todo segue igual.
Rascando pensativo nos cornos do casco, Tonhito de Poi admitiu que por el seguía co grupo, pero que terían que buscar cantante. Non descartaba que fose unha muller. Por iso de actualizarse. E leva razón: tamén Los Panchos seguiron a facturar ben de tempo, e se os máis vellos ían morrendo —creo que algún vin no 'Luar' coa vía do soro asomando trala guitarra— substituíanos por outros máis novos que acaban derivando en vellos. Ou o sistema de franquía, como os Boney M. Dende que finou o bailarín Bobby Farrell, que ocorreu nun escuro fin de ano en San Petersburgo, hai varias formacións lexítimas danzando por aí. Cando os vellos mariñeiros galegos foron litigar polos seus dereitos a Noruega baixaron ás mesmas discotecas de cando embarcaban, por se seguían poñendo Daddy Cool ou Rasputin.
O sistema de oposicións salvou a moitos dos nosos intelectuais da miseria que consumiu a Rosalía, a Pondal, a Blanco Amor. E mentres exista o Luar, que se hai xustiza no mundo —non pido a dos homes, nin a divina: váleme ca poética— debería aguantar en pé esa catedral mundial do folkore dos pobos mol anos máis, terán os artistas a súa dose warholiana de tres minutos e medio de gloria. Non gardo dúbida que aló irán os Heredeiros coa túzara vitalidade, con ese digno orgullo de que a nin se lle pasou pola cabeza meter unha gaita por soar máis da terra. Nin Maneiro a defender o seu proxecto e competir con Sés por abandeirar a música americana en galego desde posicións ideolóxicas opostas.
Vendo o festival de Sanremo un aprecia inda máis o 'Luar'. Vale que os medios marcan boa diferencia: o teatro Ariston e toda a potencia da RAI son esmagadores. E saen os medallistas olímpicos italianos con chándales de Emporio Armani. Vale que lle fagan unha homenaxe a Mogol, 90 anos, letrista de Lucio Battisti, e o público en pé co corazón aberto dando as gracias. Nas butacas, que non son cadeiras de plástico, todos vestidos de gala, emocionados, respectuosos. Pero os artistas dentro do impecable, de ser guapos todos e todas, son atrozmente desfasados. Rapeando como nun obradoiro de normalización lingüística. Rapazas novas con vellos chouchos que van de simpáticos.
No 'Luar' é todo máis descoidado. Nas mesas a xente pasa da movida, anda estomballada e pon malas caras cando van o profesor Mandianes ou Xabier Castro falar de antropoloxía. Pero a escaleta non cansa de meter cultura e novidades de escala mundial. Pandereteiras drag como Meiga_i. Boyanka Kostova, que terán algo semellante en Italia aló polo 2070 con sorte. O último show que argallaron os Satélites.
Ese non afrouxar na ambición e destemer de como reaccione a xente é o signo de quen nos quere ben.