Detectado un novo gromo en Ourense con tres casos tras unha PCR preventiva a unha moza

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). EP
photo_camera Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). EP

A provincia de Ourense rexistra un novo gromo de coronavirus, detectado a raíz dun caso positivo diagnosticado cunha proba PCR preventiva realizada a unha moza de 24 anos con sintomatoloxía leve á súa chegada á comunidade. Os outros afectados son o seu fillo e unha moza da mesma idade. 

Atendendo á información facilitada polas autoridades sanitarias, o primeiro positivo coñeceuse o sábado. O labor de seguimento dos seus contactos máis estreitos permitiu detectar os outros dous novos casos. Todos están en illamento domiciliario. 

OUTROS GROMOS. En canto ao gromo de San Cibrao das Viñas, a paciente de 82 anos diagnosticada o pasado domingo ingresou este luns no Hospital Universitario de Ourense "debido a un empeoramento no seu estado de saúde". 

Os outros tres casos positivos da súa contorna familiar asociados a este foco atópanse "sen síntomas da enfermidade", illados nos seus domicilios. 

En canto ao gromo de Chandrexa de Queixa, a paciente de 92 anos diagnosticada como caso positivo de Covid-19 o 2 de agosto ingresou tamén este luns no Hospital Universitario de Ourense. 

Os outros tres casos positivos asociados a este gromo —unha muller de 64 anos e dous homes de 98 e 66— "non presentan síntomas da enfermidade" e permanecen en situación de illamento nos seus respectivos domicilios.

Comentarios