Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron unha veciña da cidade de 19 anos como presunta autora dun delito de lesións, após propinarlle unha puñada a outra muller, á que lle rompeu o nariz. Segundo informaron fontes policiais, os feitos remóntanse á madrugada do pasado 6 de marzo, cando a vítima saía dunha discoteca na rúa Pontevedra.
Tal e como denunciou a afectada, unha moza achegóuselle e, sen mediar palabra, propinoulle unha puñada. Debido á forza do golpe, a muller caeu ao chan, e tivo que ser trasladada en ambulancia a un centro hospitalario, onde a interviñeron cirúrxicamente horas despois, pola rotura dos ósos do nariz.
A Policía iniciou as pescudas e, após interrogar a varias testemuñas, puideron identificar á presunta autora destes feitos, que foi localizada e detida este luns. A arrestada non tiña antecedentes policiais, e as dilixencias practicadas foron postas en coñecemento do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo.