Detido en Lugo por enviar por WhatsApp vídeos da súa ex masturbándose

As dúas gravacións de contido sexual circularon por un grupo de compañeiros de traballo

2019063013163239174
photo_camera 2019063013163239200

Un mozo, de 32 anos de idade, foi detido na capital lucense porque presuntamente difundiu a través de WhatsApp dous vídeos de contido sexual, nos que aparecía a súa exmoza masturbándose.

Esas imaxes circularon como a pólvora entre os compañeiros de traballo dunha empresa de seguridade da Coruña, cidade na que reside a vítima, á que estes coñecían.

A moza, de 30 anos, presentou denuncia tras advertirlle un traballador desa compañía da existencia deste material audiovisual de índole sexual.

O grupo no que se compartiron os vídeos era un de compañeiros de empresa que se autodenominaba 'Pajillas'

A vítima declarou que lle enviou os dous vídeos íntimos o ano pasado á que entón era a súa parella sentimental, que agora reside na capital lucense, onde refixo a súa vida con outra muller.

A Policía Nacional foi tirando do fío para esclarecer este caso de sexting. Primeiro identificou a un dos membros do grupo no que se viralizaron as imaxes, que se denomina "Pajillas" máis o nome da empresa na que traballan. Este dixo que foi o exnovio da vítima o que filtrara os vídeos.

A Xefatura Superior de Policía da Coruña solicitou á Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (Udev) da comisaría de Lugo que localizase e detivese o autor da difusión das imaxes, que se trasladou a vivir á capital lucense.

Os axentes deron nos últimos días co presunto autor, que foi arrestado e que, tras prestar declaración en comisaría, quedou en liberdade en calidade de investigado, a expensas de que o cite o xulgado da Coruña que instrúe este procedemento.

O detido pódese enfrontar a un delito de revelación de segredos, que lle podería carrexar unha condena de tres meses a un ano de prisión ou multa de seis a doce meses. Esta é a figura coa que se penan os casos de sexting, tras a reforma do Código Penal.

A normativa advirte de que a pena se imporá na súa metade superior cando os feitos fosen cometidos polo "cónxuxe ou por persoa que estea ou estea unida a el por análoga relación de afectividad", menores ou persoas con discapacidade.

'CLÁUSULA HORMIGOS'. O Código Penal modificouse por mor da polémica desatada pola difusión do vídeo sexual da que fose concelleira socialista de Yébenes (Toledo) Olvido Hormigos. O caso da expolítica toledana quedou impune. A Xustiza non apreciou que se produciu un delito contra a intimidade.

O caso que acabou cunha detención en Lugo, aínda que afortunadamente sen un final tan tráxico, recorda ao ocorrido o mes pasado en Madrid. Unha muller, de 30 anos, casada e nai de dous fillos, quitou a vida tras decatarse de que os seus compañeiros de traballo, na fábrica de camións Pegaso-Iveco, compartiran de forma masiva por redes sociais un vídeo sexual que gravara facía cinco anos, antes de contraer matrimonio.