O alcalde do concello coruñés de Cerceda, José García Liñares, anunciou este martes a súa dimisión, unha semana despois de que a Audiencia Provincial ratificase a súa inhabilitación durante oito anos por un delito de prevaricación administrativa.
José García Liñares confirmou, en declaracións a Efe, que a súa dimisión farase efectiva "nuns días"
Nunha comparecencia ante a prensa, o rexedor expresou que, aínda que non entende a sentenza, acataraa coa súa dimisión "irrevogable" que se realizará, como moi tarde, en quince ou vinte días.
A sentenza da sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña desestimou o recurso de apelación interposto polo rexedor e o arquitecto técnico do Concello de Cerceda contra a resolución do Xulgado do Penal número 2 da Coruña que os condenou por irregularidades na contratación das obras do xardín botánico.