Dous cans matan outro que ía coa súa dona e atacan un rabaño de cabras en Ferrol

O seu propietario, que manifestou que non desexaba facerse cargo dos animais nun futuro, enfróntase a varias sancións
Os feitos ocorreron nas inmediacións da estrada de Catabois. GOOGLE MAPS
photo_camera Os feitos ocorreron nas inmediacións da estrada de Catabois. GOOGLE MAPS

Dous cans potencialmente perigosos mataron este mércores outro que paseaba coa súa dona nas proximidades da estrada de Catabois, en Ferrol, e, posteriormente, atacaron un rabaño de cabras.

Segundo informou o Concello, a Policía Local de Ferrol foi requirida para comparecer na rúa Sagrada Familia tras o aviso de que dous cans estaban a agredir un terceiro. Unha vez no lugar, os axentes observaron un rastro de sangue duns 50 metros ata o cadáver do animal atacado.

Tras comprobar que os cans non se atopaban no domicilio do seu dono, iniciouse a súa procura, e foron localizados nunha leira a escasos metros da vivenda, ao redor de varias cabras, entre as que había unha ferida.

Por iso, procedeuse á retirada de ambos os cans, que foron trasladados ao refuxio de Mougá, ao carecer o titular de todo tipo de documentación dos mesmos. Así mesmo, manifestou aos axentes que non desexaba facerse cargo dos animais nun futuro, debido a que non é capaz de controlalos e non puido acreditar ser o seu propietario. O home enfróntase a varias sancións por estes motivos.

OUTRAS DENUNCIAS. Tamén este mércores, pasadas as 20.00 horas, foron denunciados en Ferrol, por incumprir o decreto do estado de alarma, catro individuos que viaxaban no mesmo turismo, argumentando que se dirixían a un supermercado a facer a compra. Un deles xa fora denunciado en xornadas anteriores.

Unha hora despois, sobre as 21.00 horas, a Policía Local escoitou berros e ruídos nun piso da rúa Narón. Unha vez alí, os axentes atoparon a porta dunha vivenda aberta e a tres persoas no seu interior "cantando e berrando". Un deles manifestou ser o dono da vivenda, mentres que os outros alegaron que se "aburren nas súas casas" e que acoden a diario ao piso "para cantar cos seus amigos".

Finalmente, o martes, axentes da Policía Local acudiron pasadas as 15.00 horas a un supermercado da rúa Perbes pola presenza dunha persoa alterada. Unha vez alí, o persoal do establecemento contoulles que o home non lles fixo caso cando lle explicaron que non podía pasar porque o aforamento estaba completo. O cliente argumentou que "aínda non era a hora de peche" e "accedeu polo aparcadoiro, non respectando a cola de entrada pola porta principal".