Emilio Bruquetas, CEO de RDG: "Replicaremos noutros lugares a política de descontos no recibo eléctrico do parque eólico de Mondigo"

A sociedade participada pola Xunta e 32 empresas quere impulsar proxectos renovables "dende cero" e adquirir activos en operación e outros "en fase de tramitación ou de permiso". "O futuro é moi prometedor e Galicia ten un importantísimo potencial", sinala o conselleiro delegado de Recursos de Galicia, Emilio Bruquetas Serantes, que no escenario actual incide en que procurar "a independencia xeoestratéxica" é clave
Emilio Bruquetas Serantes nas oficinas de Recursos de Galicia en Santiago. NACHO SANTÁS
Emilio Bruquetas Serantes nas oficinas de Recursos de Galicia en Santiago. NACHO SANTÁS

Á fronte da 'utility' que ten a Xunta como principal accionista (34,4%) e a Abanca, Megasa, Finsa e Gadisa entre as empresas socias, Emilio Bruquetas (Santiago, 1974) sinala que Recursos de Galicia (RDG) aspira a ampliar a sua carteira de activos para estender o modelo polo cal o desenvolvemento enerxético e mineiro se traduce nun retorno social para as comunidades locais. O expoñente é o parque eólico de Mondigo, que RDG adquiriu en febreiro con once muíños que suman 49,5 MW. Ademais de brindar descontos na factura eléctrica a 500 veciños, Recursos de Galicia ofreceu aos concellos de Barreiros, Ribadeo e Trabada participar no parque.

Están contactando cos veciños de Mondigo que se beneficiarán de rebaixas no recibo. Como responden?
Estivemos o mércores con eles e as nosas sensacións son moi positivas. Encontramos veciños con moitas ganas de participar no programa Mondigo Beneficia. De feito, xa se están a anotar na páxina web [rdgmondigo.gal]. Leva aberta dende o luns e xa temos moitas solicitudes. Intentamos que todo o proceso sexa o máis sinxelo posible e, por iso, estaremos con presenza permanente nos concellos de Barreiros, Trabada e Ribadeo dende o vindeiro luns, día 30.

O desconto será do 80% sobre a parte do recibo determinada polo consumo enerxético. Poñamos un exemplo práctico do que podería aforrar na factura un fogar medio... 
O consumo eléctrico supón algo máis da metade dos custos da factura. Nós non podemos facer nada na parte dos impostos, os cargos ou as peaxes. Dito isto, o desconto sería, para un fogar medio, de algo máis da metade da súa factura tendo en conta as baixadas fiscais que está a aplicar o Goberno de forma temporal para mitigar o impacto da guerra en Oriente Medio.

A partir de que recibo comezarán a percibir o desconto?
Os veciños comezan a percibir o dereito á bonificación dende que se anotan no programa. Levaranos un tempo establecer todos os acordos coas comercializadoras, á que se suma a nosa propia compañía, RDG Comercializadora, que empezará a funcionar con Mondigo Beneficia. Á marxe do que nos leve, o dereito ao desconto nace no momento en que se solicita e aplicarase nas facturas sucesivas con carácter retroactivo. 

Poderanse adherir tanto os consumidores con contrato no mercado libre coma os da tarifa regulada?
Teñen que estar nunha das comercializadoras adheridas ao programa. Mediante un acordo con estas compañías, RDG Xeración transferiralles os ingresos a esas comercializadoras para que poidan aplicar os descontos nas facturas. Dependendo da comercializadora, aplicará un desconto ou outro. É importante sinalar que todas as comercializadoras que queiran acceder ao programa poderán facelo. RDG vén a sumar, non a excluír nin a intervir o mercado.

"Os veciños terán dereito á bonificación desde que se anoten no plan. Aplicaráse nos recibos con efecto retroactivo"

E se a comercializadora dun consumidor non está adherida, poderá pasarse á de RDG?
Por suposto, ou a calquera das que si se adhiran ao programa.

A alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Belén Hermida, pediu que todos os veciños do concello puideran acceder ás bonificacións. Cal é a posición de RDG a ese respecto?
Entendemos que os alcaldes pidan o máximo para todos os veciños. Nós fixamos 1,8 kilómetros como perímetro que podemos alcanzar garantindo a viabilidade do parque. Unha parte do parque é de todos os galegos e ten que ter un rendemento económico razoable. Tendo en conta o nivel de investimento e o recurso eólico que hai, con esas 500 casas chegamos ao máximo de veciños que podemos abarcar. O que hai detrás é a comparación entre Muras e Mondigo. En Muras tocan a case dous aeroxeradores por cada tres veciños. Se quixeramos replicar o modelo Muras en toda Galicia teriamos que instalar máis dun millón de muíños. Exportar o modelo Muras a Barreiros, Trabada e Ribadeo suporía despregar 10.000 aeroxeradores, e o parque ten once.

Tamén teñen intención de aplicar descontos no recibo das empresas da zona. Como se instrumentarán?
Iso ten máis complexidade. Agora estamos tratando de entender a realidade dos tres municipios para ver que necesidades teñen. Aproveitamos o mércores as xuntanzas cos alcaldes para preguntarlles polas empresas que están asentadas. Isto levará máis tempo.

Mondigo é o primeiro parque adquirido por RDG e, en consecuencia, é o primeiro expoñente da política de reversión dos beneficios que xeran as renovables nas zonas nas que se instalan. Replicarán o modelo en breve?
O proxecto Mondigo é o primeiro exemplo do que RDG vén facer en Galicia. Traballamos sobre catro piares. O primeiro son os descontos directos á veciñanza próxima aos activos enerxéticos. O segundo é ofrecer prezos competitivos e estables ás nosas industrias, un elemento moi importante cando a xeopolítica nos xoga unha mala pasada como agora. O terceiro piar é abrir a propiedade dos parques aos concellos. E o cuarto é que toda a enerxía e os beneficios repercutan en Galicia, o que facemos por moitas vías. Unha é o feito de que a Xunta é propietaria do 34% de Mondigo. Imos replicar o modelo? Por suposto que si. Estamos para medrar. RDG é un proxecto de futuro por e para Galicia. Estamos a traballar con outros promotores e incluso en proxectos propios para incrementar a nosa capacidade produtiva e seguir aplicando esta política noutros lugares. Temos interese por calquera activo enerxético que estea en Galicia.

"Acabamos de abrir a participación no parque de Mondigo aos concellos. Estamos á espera do que digan os alcaldes"

Unha das aspiracións é que os concellos e incluso as pemes locais participen no proxecto. Lográrono?
No accionariado de RDG temos 32 empresas galegas e o noso capital está aberto. Agora acabamos de abrir a participación no parque de Mondigo aos concellos e estamos a esperar o que nos digan os alcaldes. A nosa man está tendida. E estamos a falar cos empresarios locais e vendo se poden dar servizos de mantemento ao parque.

"A mina de litio de Beariz é básica para aumentar a independencia xeoestratéxica de Europa"

A finais do ano pasado trascendera o interese de RDG nun paquete de 26 parques de Acciona que sumarían máis de 500 MW. En que quedou o asunto?
Ao igual que fixemos co parque de Mondigo, só falamos das conversas que temos cando podemos facelas realidade. Estamos a falar con practicamente todos os operadores de Galicia de moitísimas oportunidades. 

Tamén está sobre a mesa a primeira subasta de potencia eólica mariña que o Goberno central pretende convocar este ano. Entra nos plans de RDG explotar este filón?
Dende o noso nacemento, sempre dixemos que estabamos abertos a todas as tecnoloxías en Galicia e a todos os sectores. Galicia ten un potencial enorme na eólica mariña. Estamos sempre atentos e en conversas con todos os actores do sector para participar en todo aquelo que teña sentido para Galicia e no que podamos aplicar esta filosofía. 

RDG controla o 10% da sociedade compartida co grupo aragonés Samca para impulsar a mina de litio de Doade, en Beariz. Como se artellará, neste caso, a repercusión no entorno dos beneficios xerados?
A mina de Beariz é un proxecto que se someteu ao informe de impacto social e económico que pide a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. Neste proxecto están recollidas todas as estratexias que teñen que ver coa repercusión do impacto. Por exemplo, hai un plan para intentar que a xente retorne a Beariz e habilitar vivendas.

A intención tamén é crear unha planta para procesar os minerais?
Iso é. Un interese claro de RDG é incrementar a pegada industrial con calquera proxecto.

Ecoloxistas en Acción impulsou un procedemento ante o Tribunal Xeral da UE pola declaración da mina como un proxecto estratéxico por parte da Comisión Europea. En que punto está o asunto?
Hai que enmarcar a minaría nun contexto no que Europa e España están a procurar a independencia estratéxica. Doade é un dos primeiros proxectos europeos. É básico para aumentar a nosa independencia xeoestratéxica no que ten que ver co litio e a tramitación estase a facer dunha maneira excepcional. Así o dixo a propia UE nalgún dos recursos que fixeron.

Comentarios