Feijóo anuncia que baixará os impostos na compra de vivenda habitual usada

O presidente da Xunta detallou que nos próximos meses aprobaranse A nova Lei de ordenación, a Lei de Patrimonio Natural e o Plan Director dos Ríos

Debate sobre o Estado da Autonomía. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Debate sobre o Estado da Autonomía. LAVANDEIRA JR. (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou este martes a xestión do seu Goberno en materia de ordenación do territorio e detallou que nos próximos meses aprobaranse A nova Lei de ordenación, a Lei de Patrimonio Natural e o Plan Director dos Ríos.

Durante a súa intervención no Debate de Política Xeral de Galicia, o presidente galego lembrou que "un territorio ben ordenado é o principio pero non o fin" e en base a iso están dirixidos moitos dos esforzos do Executivo. Fixo un repaso así polas normas aprobadas durante os seus mandatos, remarcando que "onde antes só había normas obsoletas ou ausencia de regulación", agora Galicia está "á vangarda" deste tipo de políticas. "Onde antes faltaba concienciación agora hai cada vez máis responsabilidade", remarcou.

Tamén incidiu na necesidade de "ordenar a expansión urbanística" desde a perspectiva de "priorizar" sempre a rehabilitación fronte ás novas construcións. Para iso, Galicia será o próximo ano una das comunidades con "menos impostos para comprar vivenda habitual usada, e a máis barata en caso dos mozos, familias numerosas e persoas con descapacidade", resolveu.

SOGAMA. Núñez Feijóo tamén anunciou a súa intención de aplicar unha redución do dez por cento do canon imposto aos concellos polos servizos de tratamento de residuos de Sogama.

Pretende que esta rebaixa beneficie a aqueles municipios "que certifiquen maior compromiso coa redución de residuos" a condición de que quede asegurado que o desconto repercutirá "integramente" na factura que abonan os cidadáns. De igual forma, en materia ambiental, o xefe do Executivo galego insistiu en que as ordenanzas fiscais dos concellos deben premiar aos cidadáns que fagan un consumo "máis racional" de auga, posto que "non pode dar igual ser responsable que non selo".

Tamén relacionado coa auga, Núñez Feijóo trasladou a súa intención de que o Goberno central declare "de interese central do Estado" o abastecemento da cidade de Vigo, de modo que se poidan sacar todas as medidas e actuacións previstas canto antes, para o que tamén necesita a "máxima colaboración" entre todas as institucións.

Finalmente, o mandatario autonómico tendeu a man á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para alcanzar un "pacto pola auga" que garanta o abastecemento e permita "estar preparados ante eventuais momentos de seca" como os vividos o ano pasado.

Así pois, Núñez Feijóo aspira a aplicar na xestión da auga un modelo similar ao de Sogama, cunha subministración única e unha tarifa xeral aplicada aos concellos que o empreguen.

TEITO DE GASTO. Núñez Feijóo anunciou que este xoves o Consello da Xunta aprobará o teito de gasto de 2019 co obxectivo de cumprir os prazos e aprobar antes de xaneiro o orzamento do próximo ano. "Estamos aquí para gobernar polo ben dos galegos e por iso confírmolles que o próximo ano en Galicia haberá presupostos, en Galicia haberá menos débeda e en Galicia baixaremos os orzamentos", expresou.

Deste xeito, Núñez Feijóo contrapuxo a estabilidade do seu Goberno fronte á debilidade -na súa opinión- do Executivo central, a quen lle reprochou que aínda non avanzase na aprobación das súas contas como tampouco en trasladar ás entregas a contas á autonomía.

O presidente galego, por tanto, pediu a "colaboración" do Parlamento para que "dentro do prazo legal" como se fixo "sempre" se aproben as contas en tempo e forma. Núñez Feijóo fixo este chamamento alertando das "consecuencias políticas de non aprobar as contas" que as padecen non os gobernantes, senón os gobernados, engadiu.