jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

Galicia entra na terceira semana de restricións con datos esperanzadores

Una mujer camina frente al castillo de Ribadavia. ROSA VEIGA
Una mujer camina frente al castillo de Ribadavia. ROSA VEIGA
Santiago, Ferrol e Pontevedra xa están por baixo do 5% que recomenda a OMS ► Os novos positivos este domingo foron un terzo menos que cando se aplicaron restricións

Galicia encara este luns a terceira semana de duras restricións para máis da metade da súa poboación e faio con indicadores esperanzadores. Desde que Sanidade decretou peches perimetrais e límites ás reunións ás 15.00 horas do venres 30 de outubro en 60 concellos, a taxa de positividade baixou ata o 5,7% no conxunto da comunidade, achegándose ao 5% que a OMS fixa como límite para falar de pandemia controlada. Algo que, de feito, xa se produce nas áreas sanitarias de Santiago, Pontevedra e Ferrol. Ademais, o número de casos activos volve a cifras similares a hai dúas semanas –lixeiramente por encima dos 9.000– tras romper a barreira dos 10.000 días atrás.

O número de novos contaxios deste domingo, por exemplo, foi de 489, un terzo menos que os 770 que a finais de outubro disparou todas as alarmas e motivou a adopción de duras medidas. E aínda que o virus segue circulando, os efectos das restricións empezan a verse 15 días despois. Por exemplo, xa van nove días sen superar a barreira dos 700 novos casos a igual número de PCR.

Iso si, sobre a mesa quedan preocupacións. Unha é que a taxa de hospitalización segue crecendo. Este domingo foron 10 máis, ata 578, dos que 105 están en Uci. Isto débese a que a curva de ingresos dóbrase máis tarde que a de contaxios, polo que están a internar aínda aos contaxiados no peor desta segunda onda.

E a outra é que os contaxios, a pesar de baixar, seguen moi por encima do que se podería considerar idóneo: aínda dobran aos de mediados de outubro. Por iso empézase a cuestionar se se poderán recuperar niveis aceptables sen recorrer ao confinamento total.

DATOS DO DÍA. Todas estas tendencias teñen a súa tradución en números. O Sergas notificou este domingo 489 novos positivos, por baixo dos 640 do día antes. Tras realizar 8.327 probas, a taxa de positividade é do 5,7%, xa preto do que aconsella a OMS e incluso por baixo en Santiago (2,7%), Ferrol (3,4%) e Pontevedra (4,4%). Logo estarían Lugo (5,9%), Ourense (6,8%), Vigo (7,1%) e A Coruña, onde os focos de Bergantiños disparan a taxa ata o 8,5%.

Os casos activos baixaron de forma notable en Galicia (-256), xa que houbo 749 altas, polo que quedan en 9.298. A Coruña ten 1.820 (-27), Pontevedra 1.267 (-10), Lugo 1.062 (-47), Santiago 1.041 (-44), Ferrol a 841 (-32) e Ourense 825 (-31). O dato desta última área confirma o efecto das medidas da Xunta, xa que foi en Ourense e Barbadás onde se aplicou o primeiro peche perimetral hai xa máis dun mes. Na provincia de Lugo baixaron os contaxios case á metade, ao confirmarse 62 novos (-52).

SETE FALECIDOS. En canto aos mortos, rexistráronse sete nas útimas 24 horas, o que eleva o total a 1.069. Un deles é un home de 93 anos procedente da Fonsagrada que morreu no Hula. Tamén tres mulleres de 89, 90 e 97 anos no Chuf, todas de residencias; unha muller de 95 anos da DomusVi Ribadumia no Salnés; un home de 94 anos no seu domicilio da Rúa; e unha usuaria da residencia de Barbadás de 85 anos que faleceu no Chuo.

Galicia entra na terceira semana de restricións con datos...
Comentarios