Galicia habilita un teléfono para os turistas con síntomas de covid-19

Una mujer con mascarilla por la calle. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Una mujer con mascarilla por la calle. PEPE FERRÍN (AGN)

O Goberno galego activará a partir deste luns o número de telefóno 881 00 20 21 para atender de modo específico a todas as persoas que acudan a Galicia e teñan síntomas compatibles coa covid-19 durante a súa estancia na comunidade. 

Esta medida, anunciada o pasado venres polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, pretende "extremar o diagnóstico precoz" ante a apertura das fronteiras no espazo Schengen, excepto con Portugal, e da ausencia de limitación na mobilidade de persoas a partir deste domingo en toda España. 

Calquera persoa que visite Galicia a partir do luns poderá chamar a este número, no que lle atenderá un profesional sanitario que decidirá se convén realizar as probas de detección da covid-19. 

No caso de que o resultado da proba sexa negativo simplemente informaráselle do resultado e recomendaráselle que continúe coas medidas hixiénico sanitarias. 

Se resulta positivo, continuará o proceso establecido, ademais de activarse, de ser posible, o sistema de seguimento domiciliario Telea.

Comentarios