Galicia inicia a terceira semana sen estado de alarma con lixeira subida de ingresados

Os casos activos seguen en descenso até os 2.624, os novos contaxios baixan a 123 e a taxa de positividade redúcese a un 1% 
 
Pruebas PCR en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Probas PCR en Pontevedra. RAFA FARIÑA

Galicia inicia a terceira semana sen estado de alarma cunha lixeira subida dos pacientes covid ingresados ata os 144, que supoñen seis máis que a xornada anterior, mentres que os casos activos descenderon ata os 2.624 e os novos contaxios baixan a 123. 

Segundo os datos actualizados na mañá deste luns pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18.00 horas deste domingo, ascenden a 32 as persoas ingresadas en Uci debido ao covid –dous máis– e a 112 as que permanecen noutras unidades de hospitalización –catro máis–. Ademais, a día de hoxe hai 2.480 pacientes en seguimento nos seus domicilios. 

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe lixeiramente nas de A Coruña e Cee, Vigo e Lugo; mentres que se mantén nas de Santiago e Barbanza, Ourense, Pontevedra e O Salnés e Ferrol. 

En concreto, na da Coruña e Cee seguen seis persoas en Uci e soben a 32 as hospitalizadas noutras unidades –dúas máis–; na de Vigo continúan nove en críticos e aumentan a 34 os doutras unidades –dúas máis–, mentres que na de Lugo mantense un paciente en Unidade de Coidados Intensivos e increméntanse a 10 os doutras unidades –dúas máis–. 

Pola súa banda, na de Santiago e Barbanza aínda que aumentan a cinco as persoas en Uci –dous máis–, descenden a 12 as doutras unidades –dúas menos–.

No resto non hai cambios. Na de Ferrol seguen dous pacientes en Uci e tres noutras unidades; e na de Ourense continúan catro en críticos e sete noutras unidades. E na de Pontevedra e O Salnés mantéñense cinco en Uci e 14 noutras unidades.

MENOS CASOS ACTIVOS. Pola súa banda, os casos activos de covid-19 no conxunto de Galicia descenden por segunda xornada consecutiva e sitúanse nos 2.624, que supoñen 32 menos, ao haber máis altas (154) que contaxios (123), aos que se engade un falecemento. 

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden en cinco das sete: A Coruña e Cee (-19); Pontevedra e O Salnés (-10); Vigo (-7); Ferrol (-4) e Santiago e Barbanza (-2), mentres que aumentan lixeiramente nas de Ourense (+3) e Lugo (+7). 

Deste xeito, a área de Vigo mantense á cabeza con 805; seguida da da Coruña, con 520; Santiago e Barbanza, con 453; Pontevedra e O Salnés, con 333; Lugo, con 227; Ourense; con 203; e Ferrol continúa á cola, con 83.

MENOS CONTAXIOS. A comunidade galega arrinca esta semana con 123 novos contaxios detectados con calquera tipo de proba, que supoñen 50 menos que os rexistrados na xornada anterior. 

Do total de positivos, 106 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, que supoñen 64 menos que a xornada anterior, deles 33 na área de Vigo; 21 na de Santiago e Barbanza; 17 na de Lugo; 11 na de Pontevedra e O Salnés; 10 na da Coruña e Cee; oito na de Ourense; e seis na de Ferrol. 

Así, os contaxiados con covid-19 ascenden na comunidade galega a 126.023, dos cales 30.288 corresponden á área da Coruña e Cee; 24.810, á de Vigo; 19.804, á de Santiago e Barbanza; 15.641, á de Ourense; 14.160, á de Pontevedra e O Salnés; 12.768, á de Lugo; e 8.552, á de Ferrol. 

Galicia levou a cabo 2.212.746 PCR desde o inicio da pandemia, que supoñen 5.290 probas máis que as contabilizadas ata a xornada anterior e medio milleiro menos que as feitas o día pasado. 

En canto á taxa de positividade reduciuse a un 1,26 por cento, tras situarse nun 2,8% o día anterior. Xa que logo, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

VÍTIMAS E CURADOS. Desde o inicio da pandemia faleceron no conxunto de Galicia 2.411 persoas diagnosticadas de covid-19 tras notificar este domingo a Consellería de Sanidade un novo óbito. 

En concreto, morreu un home de 92 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi). Este paciente morreu o sábado e presentaba patoloxías previas. 

Pola súa banda, 121.012 pacientes curáronse no conxunto da comunidade galega deste coronavirus ata a data, 154 persoas máis que as rexistradas ata a xornada anterior. 
anterior. 

Comentarios