Galicia mantén o descenso nos contaxios diarios e baixa até os 5.556 casos activos

Os pacientes en Uci baixan a 46, dous menos, e os ingresados en planta son 144, nove menos
El Covidauto del Chus. ÓSCAR CORRAL
photo_camera O Covidauto do Chus. ÓSCAR CORRAL

Os datos feitos públicos este martes pola Consellería de Sanidade confirman a tendencia á baixa no número de novos contaxios diarios de covid en Galicia, que se sitúan en 156, cando hai xusto un mes, o 7 de agosto, o número de casos novos confirmados era de máis de mil, e seguen descendendo tamén os casos activos da enfermidade.

Así, segundo a información notificada polo Sergas (con datos solicitados até as 18,00 horas do luns), nas últimas horas confirmáronse 156 novos contaxios por este coronavirus, o que supón 38 casos menos que os notificados a xornada anterior.

Por áreas, as novas infeccións descenden en todas, excepto A Coruña, Vigo e Santiago, que rexistran lixeiros incrementos. Deste xeito, na área sanitaria coruñesa detectáronse 48 novos contaxios (4 máis que hai 24 horas), en Santiago hai 35 casos novos (3 máis), e na área de Vigo notificáronse 20 contaxios (9 máis).

En cambio, a área de Lugo rexistrou 25 contaxios, que son 38 menos que hai un día; na área de Ourense notificáronse 16 novos contaxios (4 menos); na área sanitaria de Pontevedra foron 8 casos novos (7 menos); e na área de Ferrol rexistrouse 4 contaxios novos (5 menos que hai un día).

No balance deste martes, Sanidade informa de que Galicia conta con 5.556 persoas coa infección por Covid activa, o que supón 292 casos menos que os notificados o luns. Por áreas, o maior número de enfermos está na da Coruña, con 1.400 casos (57 menos), seguida por Lugo, con 1.140 casos (81 menos); na área de Santiago hai 1.020 casos activos (27 menos), na área de Vigo son 820 casos (38 menos), na de Ourense hai 557 casos (29 menos), en Pontevedra hai 327 infeccións activas (31 menos) e na área de Ferrol hai 292 casos (29 menos).

PRESIÓN HOSPITALARIA. No que respecta á presión hospitalaria, nas últimas 24 horas non se produciron cambios substanciais, aínda que baixaron lixeiramente as cifras de camas ocupadas, tanto en Uci como en planta.

Así, mentres que hai 144 enfermos en unidades convencionais de hospitalización (9 menos que hai un día), hai outros 46 pacientes en unidades de coidados críticos (dous menos): 13 na área da Coruña, 8 na área de Ourense, 6 na área de Vigo e os mesmos na área de Ferrol, 5 pacientes en UCI na área de Pontevedra, 4 en Lugo e outros tantos na área de Santiago.

CURADOS, FALECIDOS E PROBAS DIAGNÓSTICAS. Desde que se iniciou a pandemia, superaron a enfermidade en Galicia un total de 172.152 persoas, das que 443 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas horas.

Por contra, faleceron con Covid un total de 2.590 persoas. Os últimos decesos comunicados polo Sergas son os dunha muller de 83 anos que morreu no Hospital Vithas de Vigo, un home de 86 anos que faleceu no Complexo Hospitalario de Ferrol, unha muller de 96 anos que estaba ingresada no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, dous homes de 77 e 92 anos que estaban ingresados no Complexo Hospitalario da Coruña, e un home de 91 anos de idade que faleceu no Complexo Hospitalario de Ourense.

Así mesmo, até o momento, realizáronse en Galicia máis de 2,7 millóns de probas PCR (3.189 nas últimas 24 horas), máis de 803.000 test de antíxenos, e máis de 1,1 millóns doutro tipo de probas de detección do virus. 

Segundo os datos que publica este martes Sanidade, nas últimas horas a taxa de positividade das probas PCR realizadas (o número de casos de Covid confirmados por cada 100 probas) é do 5,39 %, lixeiramente por riba da taxa do 5 % que a OMS establece como límite para dar por controlada a pandemia. 

Comentarios