Os hospitais galegos non comunican ningún falecemento por coronavirus este xoves 

Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo. ARCHIVO
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo. ARCHIVO

Os hospitais galegos non comunicaron ao longo deste xoves ningunha nova vítima mortal relacionada coa pandemia de coronavirus. Con iso, a cifra de falecidos con Covid-19 na comunidade mantense en 619, despois de que este mércores se notificase a morte dun home de 83 anos ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).

Este falecemento produciuse tras seis días consecutivos nos que os hospitais galegos non comunicaron ningunha morte vinculada á pandemia. A primeira vítima mortal deste virus na comunidade rexistrouse o 14 de marzo, e foi unha muller de 92 anos que estaba ingresada no Hospital Povisa de Vigo. Nesa mesma xornada coñecíase a morte dun home de 81 anos hospitalizado en Pontevedra. 

O número de casos activos de coronavirus en Galicia baixou a 465 este xoves, dez menos que 24 horas antes. Un total de 10.356 persoas xa se curaron, segundo os últimos datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Do total de pacientes positivos, 11 están en unidades de hospitalización e 454 no domicilio, e non hai pacientes positivos en Uci.

Comentarios