miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Inés Rey, tras cesar unha edil: "A dedicación ás tarefas de goberno non é negociable"

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. EFE
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. EFE
Acón, próxima a Gonzalo Caballero, ocupou o quinto posto da candidatura local tras tensións pola integración das sensibilidades 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asegurou este mércores que "a dedicación ás tarefas de goberno non é negociable", tras apartar a secretaria local do PSOE, Eva Martínez Acón, das súas responsabilidades como edil de innovación, industria, consumo e emprego. 

"O meu compromiso e o do goberno municipal é traballar polo interese dos coruñeses e as coruñesas", dixo en declaracións aos medios tras participar nun minuto de silencio na Praza de María Pita e despois de que o martes fontes do goberno local vinculasen o cesamento da edil á súa "nula" dedicación ao traballo de goberno

Neste sentido, preguntada polos motivos da súa decisión, a rexedora limitouse a dicir que o seu "equipo de goberno ten un compromiso firme coa cidade". "Aquí hai que traballar e dar ao cento por cento da nosa capacidade para mellorar a vida dos coruñeses", afirmou. 

Ademais, sinalou que "a dedicación ás tarefas de goberno non é negociable nin é cuestionable". "Iso lle pedín eu aos concelleiros e así o demostramos durante todos estes meses. Esta é a decisión, está tomada e non teño máis nada que comentar respecto diso", apuntou. 

Martínez Acón vincula as discrepancias coa alcaldesa e algúns edís con achegas requiridas polo partido

Con todo, Eva Martínez Acón, próxima ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, atribuíu as "discrepancias" coa rexedora e algúns edís á negativa a abonar ao partido as achegas que requiría o partido, nun momento no que a agrupación local atravesa unha situación económica complicada, que motivou que non puidese pagar o aluguer da súa sede durante varios meses. 

CONFLITO INTERNOA decisión de Inés Rey de apartar a Martínez Acón prodúcese nun contexto de diferenzas entre partidarios de Gonzalo Caballero e próximos á dirección provincial do PSOE que se remonta xa a antes das eleccións municipais. 

Así, mentres que Eva Martínez Acón é un dos principais apoios do actual secretario xeral do PSdeG na Coruña, Inés Rey é próxima á dirección provincial do partido, cuxo responsable de Organización, José Manuel Lage Tuñas, forma parte do goberno local. 

Estas discrepancias xa se deixaron sentir na configuración da lista para os comicios locais por parte do PSOE coruñés. En concreto, a rexedora, que se impuxo nas primarias, foi reticente á incorporación de Eva Martínez Acón, que fora a máis votada pola asemblea local. Con todo, finalmente, esta ocupou o número cinco da candidatura.

Inés Rey, tras cesar unha edil: "A dedicación ás tarefas de goberno...
Comentarios