Interveñen en Mos 11.000 luvas e 510 máscaras

Os axentes informaron de dúas actuacións en empresas que se dedicaban ao almacenamento, venda e distribución de material sanitario

Axentes da Policía Local de Mos e da Garda Civil interviñeron 11.000 luvas, 124,5 litros de alcol sanitario e 510 máscaras.

A Policía local de Mos, xunto coa Garda Civil, informaron de dúas actuacións en empresas que se dedicaban ao almacenamento, venda e distribución de material sanitario do que o Goberno, no marco do estado de alarma decretado pola crise do coronavirus, ordenou informar a Sanidade.

A primeira das accións produciuse este martes 17 de marzo, durante a quenda de mañá, concretamente entre as 10.00 e as 11.00 horas. Tivo lugar nunha empresa do Polígono do Rebullón que contaba con diverso material sanitario, como máscaras e solución hidroalcohólica, material do que debería informar Sanidade e non o fixo.

Os axentes da Policía Local procederon a dar aviso á Garda Civil, e conxuntamente ambos os dous corpos, acudiron ao lugar a levantar acta.

A Policía Local de Mos tivo que interpor xa tres sancións por vulnerar as restricións do estado de alarma

PUXEIROS. A segunda actuación produciuse este mércores 18 de marzo ás 15,30 horas, cando unha patrulla da Policía Local de Mos dirixiuse a un establecemento da zona de Puxeiros tras decatarse de que estaban a vender máscaras.

Ao chegar ao local atopáronse con que xa non quedaba material e retiráronse, pero pouco despois sorprenderon ao dono do establecemento descargando dun vehículo, no seu domicilio, o material para repor no seu negocio, e incautóuselle unha gran cantidade de máscaras, luvas e solución hidroalcohólica.

En total, transportaba no seu coche 11 caixas de 10 paquetes de 100 luvas, 8 caixas de 12 unidades de alcol de 1 litro, 3 caixas de 15 unidades de alcol de 0,5 litros, 1 caixa de 24 unidades de alcol de 250 mililitros, 31 paquetes de 10 unidades de máscaras brancas, 3 paquetes de 50 unidades de máscaras brancas, e 1 paquete de 50 unidades de máscaras azuis.

En total, interviñéronselle 11.000 luvas, 124,5 litros de alcol e 510 máscaras. O material incautado foi trasladado pola Garda Civil ás súas dependencias para posteriormente informar o Ministerio de Sanidade.

Ademais, a Policía Local de Mos tivo que interpor xa tres sancións por vulnerar as restricións do estado de alarma.