Os investigados polo caso Blusens elévanse a cinco, cun novo arresto en Andalucía

A causa, pola que foi paralizada a comercialización dos aparellos WebTV, segue baixo segredo sumarial

José Ramón García, de Blusens. XOÁN REY (EFE)
José Ramón García, de Blusens. XOÁN REY (EFE)

Os investigados na causa contra un suposto delito de propiedade intelectual polos aparellos WebTV, que comercializa Blusens, elévanse a cinco persoas, de entre as que se atopa un novo detido nas últimas horas en Andalucía. 

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron a Europa Press que hai outros dous investigados ademais do tres detidos a pasada semana, entre os que se atopa o propietario da firma de electrónica galega, José Ramón García. 

Un deles foi detido en Andalucía co fin de practicar un novo rexistro e quedou en liberdade tras pasar a disposición policial. Outro investigado, que estaba nese momento en Barcelona cando foi localizado, non chegou a ser arrestado. 

A causa instrúea o Xulgado número 3 de Santiago, cuxo titular, Andrés Lago Louro, ordenou retirar da venda o produto que está baixo a investigación, que permanece baixo segredo de sumario. O produto –coa referencia actual— comercialízanse desde hai uns dous anos e en tenda ten un prezo que oscila entre os 90 e os 130 euros en función da oferta vixente. 

Tras pasar a disposición xudicial, o fundador da empresa galega de electrónica Blusens quedou en liberdade provisional coa obrigación de comparecer en sede xudicial de forma periódica e coa retirada do pasaporte, tras ser detido en relación a un suposto delito contra a propiedade intelectual e organización criminal.

DENUNCIA ENTIDADE. A investigación iniciouse pola denuncia dunha entidade que xestiona a propiedade intelectual e indágase sobre supostos delitos contra a propiedade intelectual vinculados coa comercialización duns receptores WebTV. 

Desde o martes 27 de febreiro deixaron de funcionar as aplicacións de recepción de sinal de televisión incluídas nos aparellos que comercializaba Blusens. Concretamente, permitían a posibilidade de descargar aplicacións coas que poder conectarse a ligazóns piratas de webs con películas, series e deportes, entre outros contidos.

OUTROS CASOS. No pasado outras causas afectaron a Blusens. Así, en 2012 o xulgado do mercantil número 1 da Coruña condenou a Blusens a cesar na elaboración e distribución do seu catálogo por entender que infrinxía os dereitos de propiedade intelectual de Televés. 

Tras a quebra de Blusens, José Ramón García está á fronte, desde 2014, da compañía Visualiza Business, que conta con investimentos en diferentes sectores. 
 

Comentarios