Investigan ao dono dun coche achado en Gondomar con dobres fondos para transportar droga

O propietario presentara unha denuncia por roubo en Cambados

A Garda Civil investiga a un home que denunciou o roubo do seu coche, no cal se acharon espazos ocultos preparados para transportar droga.

O propietario presentou a denuncia en Cambados e o coche foi localizado pola Benemérita en Gondomar. Ao inspeccionar o vehículo, os axentes localizaron dobres fondos para o transporte de droga.

No interior do coche non se atoparon restos de sustancias estupefacientes, aínda que os investigadores sospeitan que os ladróns puideron huír coa droga.