Xoaquín Fernández Leiceaga: "Hai que rebaixar o nivel de alarma ante o acordo entre o Estado e a Generalitat"

O experto do Foro Económico de Galicia e exdeputado socialista chama á calma á vista das bases que o Goberno central e o Executivo de Salvador Illa marcaron para o financiamento singular de Cataluña. Insiste en que "non teñen que ver" cun sistema de concerto, cuxos efectos negativos para Galicia calculou fai un ano co catedrático Santiago Lago
Xoaquín Fernández Leiceaga.AGN
Xoaquín Fernández Leiceaga.AGN

Centrado no seu labor como profesor na USC logo de deixar, tralas municipais do 2023, a primeira liña política cunha extensa traxectoria que o levou do BNG ao PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) analiza o escenario que se abre de cara á necesaria reforma do financiamento autonómico, que leva once anos á espera da súa actualización.

Tralo acordo que o Goberno central e a Generalitat selaron, debemos estar preocupados?
Debemos estar atentos, porque abre un escenario de reforma do modelo que é moi importante para tódalas comunidades e especificamente para Galicia. Pero tamén debemos rebaixar o nivel de alarma en relación coa pantalla anterior, isto é, a do acordo entre Esquerra e o PSC. Xa entre entidades oficiais, como son a Generalitat e o Estado, o novo acordo enmárcase na familia do modelo vixente. Non rompe cos criterios básicos e co espírito do modelo actual, senón que introduce elementos de reforma. Non son moi precisos, de aí a cautela. Preséntase algún cambio que, digamos, é necesario saber ata onde chega, pero o nivel de alarma redúcese de maneira moi substancial.

Entre os elementos dos que toca estar pendentes está a xestión do IRPF por parte da Generalitat e o feito de que se dá a entender que, posteriormente, se podería ampliar a outras figuras, como Sociedades?
Non hai ningunha referencia a Sociedades. Menciónanse outros impostos, de forma indeterminada. En canto ao IRPF, o que se propón nese acordo ten que ver con algo que, en si mesmo, non me parece que rompa nada nin que estea mal, ao contrario. A maior implicación como colaboradoras da Aeat das axencias tributarias que existen en moitas comunidades, como Cataluña e, por suposto, Galicia, significa un avance. Hoxe o 50% do IRPF vén para Galicia e o outro 50 vai para as arcas do Estado e, no entanto, a Atriga non ten ningún papel. Non se trata de eliminar a Agencia Tributaria central de ningún territorio, o que sería un grave erro, senón de colaborar en rede para reducir a fraude e facilitar as cousas aos cidadáns.

Caben os pactos bilaterais en asuntos coma este? O desexable non sería convocar o Consello de Política Fiscal e Financeira?
Hai dúas reflexións que facer. A bilateralidade existe sempre. Non podemos obviar as relacións bilaterais. Dito isto, un modelo que quere ser común ten que ser acordado entre todos. Polo tanto, ten que dar lugar a un acordo no seo do Consello de Política Fiscal e tamén a un acordo no Congreso e no Senado, que son os que aproban os modelos de financiamento a través da modificación das leis pertinentes. Ten que haber un acordo xeral. Outra cousa é que os impulsos, ás veces, veñan daqueles aos que lles aperta o zapato e non de todos. En todo caso, isto ten que levarse a un molde común.

Un modelo que quere ser común ten que ser acordado entre todos. Outra cousa é que os impulsos, ás veces, veñan daqueles aos que lles aperta o zapato e non de todos"

E a segunda reflexión?
Ten que ver con que o funcionamento recente do Consello de Política Fiscal e Financeira indica que precisa repensarse. Non pode ser un órgano de confrontación política, senón de discusión sobre os temas que afectan ás comunidades.

O pasado luns, o presidente Rueda deu por boas as cifras do informe que vostede e o profesor Santiago Lago presentaron en outubro, que indicaba que cun sistema de concerto Galicia perdería entre 600 e 2.600 millóns dependendo do escenario...
Corresponde a un cálculo con criterios razoables que fixemos fai un ano en base á extensión do sistema do concerto. Pero o modelo que asinaron a Generalitat e o Ministerio de Hacienda non ten que ver con isto, por iso digo que hai que rebaixar substancialmente o nivel de alarma. Os elementos de novidade que se introducen son, por exemplo, unha crítica ao sobrefinanciamento dalgunhas autonomías que, ademais, son receptoras do sistema. É o chamado principio de ordinalidade, que ben xestionado é correcto e non debe alarmarnos demasiado. Logo, o elemento do financiamento singular de Cataluña é un avance substancial que se vincula coas competencias non homoxéneas. É sensato dicir que se Cataluña xestiona as prisións e ten os Mossos d'Esquadra, competencias que Galicia non ten, ten que ter un financiamento singular adicional. Ademais, isto pódese estender a todas as comunidades que asuman estas competencias. E o elemento dunha maior colaboración entre axencias tributarias é un grande avance que levamos tempo reclamando dende a academia. Outra cousa é que hai que facelo sen comprometer a eficiencia na recadación que temos hoxe.

Dende Galicia debemos ser máis proactivos e dicir o que deberiamos reclamar en lugar de volver a pantallas pasadas"

Que debera facer a Xunta?
O que pediría é que dende Galicia sexamos máis proactivos. Que entendamos que se abre un novo modelo e digamos que é o que deberiamos reclamar en vez de volver a pantallas pasadas que poden ter certa utilidade no ámbito político pero que non serven para unha discusión razoable da reforma.

Sería desexable que esa reclamación se curse dende o consenso das forzas do Parlamento?
Si. Non digo que sexa sinxelo, porque non hai nada sinxelo en política. Pero debera ser factible. Reforzar o papel do envellecemento e a consideración da dispersión nos custos debe ser compartido por todos e o papel do fondo de compensación interterritorial tamén ou algúns elementos de singularidade que compartimos con outras comunidades, como Cataluña, como a existencia dunha lingua propia, que hoxe xa se reflicte no financiamento, aínda que hai que pensar se precisa un tratamento mellor. Pero, cando vexo que non se quere que o galego sexa unha lingua de traballo en Europa, a verdade é que non sei se será fácil poñer isto en marcha.

Toca buscar un punto intermedio entre o modelo que defende o PPdeG, a "chave dos cartos" que reclama o BNG e o financiamento singular do PSdeG. Parece complicado...
No 2022 houbo unha comisión parlamentaria á que algúns acudimos como académicos. Logo fíxose un documento de síntese que vexo razoable para articular un consenso e que vai na liña do que estamos falando agora. É certo que o que máis se afasta é o BNG. Ten unha posición dificilmente entendible para o que coñeza a realidade de Galicia. Un sistema de concerto faría que, se cumprimos coas nosas obrigas co Estado, teñamos menos recursos que agora. Ademais, elevaría o nivel de risco. O federalismo é un sistema de axuda mutua, de riscos compartidos, polo que ten vantaxes. Se dependes dos teus propios recursos, ante unha pandemia tes que responder con eles. En todo caso, quen está hoxe na Xunta debe mover ficha en maior medida.

Non se pode evitar que alguén meta a man na caixa, pero os instrumentos de control funcionan"

Na rúa cada vez se estende máis a crenza de que a corrupción é consubstancial á política. Como o ve?
Hai que facer dúas reflexións. É bastante descorazonador ver esta sucesión de casos nos medios de comunicación porque pode chegarse á conclusión fácil de que todo está podre. Hai un problema serio en moitos ámbitos, pero hai moitos políticos, funcionarios e empresarios que fan ben o seu traballo. De feito, o progreso de España nos últimos 40-50 anos non pode entenderse se non cremos que hai unha maioría de axentes que traballan dunha forma que non ten que ver coa corrupción, senón co esforzo, o mérito e a capacidade de innovación.

Cal sería a segunda idea?
Debemos ter en conta que os instrumentos de control funcionan. Ao final, os que cometen un delito acaban sendo culpados e son condenados. A veces, incluso os condena antes a opinión pública. Ninguén pode evitar que exista quen meta as mans na caixa, pero si temos que ter a seguridade de que aquel que o faga terá unha alta probabilidade de ser castigado.

No terreo persoal, é máis levadeira a universidade que o día a día da política? Estaría disposto a regresar á primeira liña?
Creo que iso non está sobre a mesa. Agora mesmo estou moi centrado no meu traballo universitario que é ao que dedico todo o tempo.

Comentarios