Liberan unha muller atrapada nun turismo tras colidir con un autobús en Vigo

Os axentes da Policía Local tamén acudiron ao lugar, tras ser alertados polo 112 Galicia

Unha muller foi liberada coa axuda do equipo de excarceración dos Bombeiros de Vigo despois de sufrir un accidente co seu vehículo na mañá deste martes. O turismo no que viaxaba chocou contra un autobús que trasladaba estudantes ao Campus Universitario de Vigo, na EP-2005, á altura da rotonda de acceso aos edificios da universidade.

Ás 8:45 horas, varios particulares que circulaban pola zona no momento do incidente chamaron ao 112 Galicia para dar conta dos feitos. Segundo a información facilitada polas testemuñas do suceso, tras producirse a colisión entre os vehículos, unha muller quedou atrapada no interior do turismo e necesitaba axuda para abandonalo.

Decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo e tamén de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento procederon a liberar á ferida para que, finalmente, puidese ser trasladada polos efectivos sanitarios ata o centro hospitalario de referencia.

Os axentes da Policía Local tamén acudiron ao lugar, tras ser alertados polo 112 Galicia, para restablecer as condicións de seguridade na vía.