María José Gómez Rodríguez: "A mocidade ten unha grande oportunidade para incorporarse ao agro"
Case sen voz por unha afonía pero cun sorriso constante, María José Gómez (Pradedo de Abaixo, Guntín, 1976) transmite nesta entrevista paixón polo agro. Naceu nunha familia gandeira e, tras a súa etapa como profesora de inglés e na política municipal, desde abril de 2024 a súa traxectoria profesional confluíu con esas raíces labregas ao converterse en conselleira de Medio Rural. Chegou nun momento bo para o sector agrogandeiro no que a rendibilidade se refire, aínda que con vellos desafíos como o do relevo, ante o que anima á xuventude a apostar polo campo e promete axuda.
Que balance fai destes case 14 meses á fronte da consellería?
Positivo. Foi un cambio moi importante na miña vida, un ano de aprendizaxe, de botar o rodar nun equipo, nunha consellería ampla, complexa e dunha relevancia crucial para o territorio galego.
Entón volvería dicirlle 'si' a Rueda.
Si, claro. Por suposto.
Viña de ser alcaldesa do seu concello, Guntín. Notou moito o contraste coa política municipal?
É un mundo moi diferente. A política municipal supón un trato directo coa veciñanza e a resolución de problemas. Aquí trátase de trazar a política do mundo rural para Galicia desde una visión máis obxectiva e global. E tamén é máis mediático, aínda que a min gústame ese contacto directo coa xente e procuro mantelo. De feito, o meu teléfono segue a ser o mesmo e moitas veces chámanme para cousas moi concretas.
Que é o que máis lle gusta de ser conselleira e o que aprendeu?
É unha satisfacción poder traballar por algo que sinto moi preto. Eu estaba máis conectada co mundo da gandaría e puiden descubrir as distintas facetas dentro do medio rural, que son moitas más. Desde o monte, a promoción de todos os produtos, a agricultura, o viño... ata a flor cortada. É fascinante.
"O lácteo é un sector profesionalizado e tende a reconverterse"
Cada vez hai menos granxas de leite en activo en Galicia. Ata o de agora iso non conlevou unha perda de produción, pero desde inicios de ano obsérvase unha baixada. Está unha cousa vinculada coa outra?
Non se pode analizar á lixeira. É certo que hai unha restruturación natural, non só nesta comunidade, senón en todas. O lácteo é un sector que está moi profesionalizado e tende a reconvertese. Vemos como moitas explotacións pequenas se queren unir para formar sociedades, non só para ser máis competitivas, tamén para dar maior calidade de vida aos socios. Ese é un dos motivos da redución do número de explotacións. Sobre a pequena caída na produción de leite, no último ano estamos a ver unha subida do prezo da carne moi considerable e esa é unha das razóns de que teñamos menos produción, aínda que non sexa a única. Cando o prezo da carne está baixo, o gandeiro aproveita unha vaca ata o final. Se sube, ao mellor non o fai para intentar sacar máis rendibilidade. De todos os xeitos, a situación non é preocupante. A caída obsérvase a nivel mundial, que é como hai que ver o sector lácteo. Galicia segue a ser a potencia produtora de leite do país coas súas preto de 5.200 explotacións.
As granxas están nun bo momento de renbilidade, aínda que perdura o diferencial de prezos co resto de España. É unha batalla perdida?
En abril ocorreu unha cousa que nunca pasara e foi a subida de 1,4 céntimos por litro no prezo do leite en Galicia mentres no resto do país baixou, salvo en Baleares, pero nas illas o sistema é diferente. Esa subida en plena primavera, cando historicamente nesta época caen os prezos, chama a atención. Eu celébroa e agardo que continúe esa tendencia á alza en outono. É importante que se manteña a estabilidade e non haxa picos, para que a xente nova se anime a apostar por este sector. Estamos nun bo momento, hai ilusión. A mocidade ten unha grande oportunidade e conta cos mellores recursos para incorporarse ao campo. Desde o Goberno galego o que temos que facer é animalos e incentivalos.
En abril subiu o prezo do leite en Galicia 1,4 céntimos por litro mentres caeu no resto da península; é algo que nunca pasara
Nalgunhas zonas de Galicia moi leiteiras si se observa remuda.
Un terzo dos gandeiros de leite teñen menos de 45 anos. Isto quere dicir que si está a funcionar a remuda en Galicia. Ningunha outra comunidade pode dicir o mesmo no caso do lácteo. É certo que se vas, por exemplo, a Castela e León hai moitas incorporacións, pero ao sector agrícola, porque non ten a esixencia do lácteo. É importante que a xente se anime e queira vir ao campo e por iso destinaremos este ano 36 millóns de euros en axudas á incorporación e a plans de mellora, sexa no lácteo, cárnico, avícola, na horta ou en calquera outro tipo de explotación.
"O relevo funciona no sector lácteo galego; un terzo dos gandeiros teñen menos de 45 anos"
Que cifras poden dar conta do peso que ten a provincia de Lugo?
É un gran motor de desenvolvemento rural. Concentra o 40% das explotacións de vacún de Galicia e, en produción de leite, dez dos vinte primeiros concellos son da provincia. Ademais, acumula historicamente arredor do 45% dos expedientes aprobados das axudas para plans de mellora e incorporación de mozos ao agro e dos beneficiarios da PAC.
Como avanza a posta en marcha do Banco de Explotacións?
É unha ferramenta para que aquela xente que non ten relevo poida poñer en alugueiro a súa explotación e que teña así unha nova vida. Xa arrancou o procedemento polo cal o cedente e o posible arrendatario fan eses contratos de cesión e arrendamento. Agora estamos desenvolvendo un visor para poder ver que explotacións están dispoñibles e onde. Penso que vai ser útil, porque xa hai precedentes de gandeiros que arrendan explotacións que pechan, e non só as instalacións senón tamén os terreos. Ademais de conseguir dotar de maior base territorial as explotacións existentes, deslocalizar o gando e que se sosteña o territorio, esta ferramenta tamén ofrece unha axuda económica da Administración aos produtores que se van xubilar e poñen a disposición as súas granxas. Sabemos que as pensións da agraria non son moi altas e isto pode ser un complemento, para o que reservamos 2,1 millóns para o período 2025-2029.
Galicia avanzou na transformación do leite que produce para darlle valor engadido pero queda percorrido.
En Galicia apostamos pola calidade no leite líquido, co selo Galega 100%, e pola transformación. Se antes o leite que saía da comunidade era todo líquido, desde hai uns anos apostouse polas queixerías, con proxectos grandes e de éxito que viñeron a Galicia como os de Entrepinares ou TGT, e tamén apostamos polos pequenos produtores para que se animaran con axudas a transformar o leite, con casos como os de Casa Grande de Xanceda, Gandería Quintián ou Airas Moniz. Pero tamén na carne temos o exemplo de Traloagro. Hai que seguir apostando pola formación, non só aos mozos que se queiran incorporar, tamén aos productores para que elaboren produtos de valor engadido. Hai camiño por percorrer e é importante para seguir posicionando a Galicia no mercado gourmet. A calidade dos nosos produtos é recoñecida alá onde vaias.
Cada vez hai máis leis. As protestas do ano pasado deron froitos pero hai marxe para una maior simplificación
O agro pide menos burocracia e esixencias ambientais asumibles.
Cada vez hai máis leis. En canto á política agraria común, as protestas do ano pasado deron froitos, pero hai marxe para seguir simplificando. A xente non entende toda a complexidade administrativa en trámites que se alongan no tempo. Agora estase a falar moito do novo período da PAC e creo que todas as comunidades coincidimos en que necesitamos un fondo específico para o sector agrogandeiro, especialmente en rexións como a nosa, que ten aínda moito por facer nese minifundio que a caracteriza. Un fondo que permita aos agricultores e gandeiros seguir sendo competitivos nun mundo global e respecto a outros países que teñen outras extensións de terreo e menos burocracia e condicionantes medioambientais.
"Contamos co mellor equipo, pero o lume cero é unha utopía"
Achégase a época de alto risco de incendios forestais. Tras una primavera desapacible no meteorolóxico, que previsións manexan de cara aos meses de verán?
É imposible facer previsións, pero temos o mellor equipo. Este ano incrementamos as horas de formación, contamos co apoio de todas as brigadas municipais, continuamos avanzando na limpeza das franxas secundarias e temos o mellor sistema de videovixilancia do país. Colaboramos con institucións como a UME, que a semana pasada estivo en Ourense facendo simulacros e coordinándose co noso dispositivo. Neses encontros sempre nos din que non hai ningún dispositivo contra incendios como o galego. Eu desexaría lumes cero, por suposto, pero é unha utopía. A maiores dos labores de extinción, son tamén vitais os de prevención, que é una tarefa de todos, tanto das adminitracións como da sociedade. Non hai que esquecer que o 98% do monte é privado.
A prevención debe ser tarefa de todos, das administracións e da sociedade. O 98% do monte é privado
O 31 de maio rematou o prazo para limpar as leiras con maleza nas franxas de protección contra o lume. Os propietarios cumpriron?
As inspeccións non empezan ata o 1 de xullo. Levamos anos colaborando entre adminitracións na limpeza das franxas secundarias, e no convenio que asinamos este ano coa Fegamp e Seaga xa están adheridos 288 concellos, o 92% do total. A través dese convenio, entre 2021 e 2024 inspeccionáronse máis de 2,3 millóns de parcelas, o que supuxo unha superficie de case 171.400 hectáreas. É moi importante que a xente se conciencie de que hai que ter limpas esas franxas de 50 metros arredor das casas. É beneficioso para todos.
"Conciliar non é fácil; lévano peor meus pais que as miñas fillas"
Cantos quilómetros percorrería desde que é conselleira?
Habería que preguntarlle aos meus condutores e sumar avións e trens, pero son moitos.
Bota unha man na explotación familiar ou non lle queda tempo?
Agora estou moi pouco na casa.
Vostede tamén foi profesora de inglés en secundaria. Se tivera que elixir, con que se quedaría: docencia, política ou gandaría?
Podo quedar coas tres? [ri].
Dificulta moito o cargo a conciliación tendo dúas nenas?
Non é fácil,pero o importante é, cando se está, estar de verdade. O meu marido é autónomo e ten o mesmo tempo ca min. As miñas fillas lévano bastante ben. Quizais o leven peor meus pais, que xa teñen máis mimos que as nenas.
Hai moito produto galego na súa neveira e despensa?
O leite que tomo é das miñas vacas, non o merco, e cada vez probo máis produtos galegos.
Que tal a relación cos seus compañeiros conselleiros?
Moi boa con todos.
Acaba de producirse un relevo tras a dimisión de Alfonso Villares. Como o afrontan?
Eu sempre digo que os postos políticos son temporais. Nunca sabes cando entras e nunca sabes cando saes. Acolleremos á nova conselleira de Mar como me acolleron a min.
Deixou a alcaldía de Guntín en mans dun rapaz noviño, Ángel Pérez. Segue pendente de como van as cousas polo Concello?
Agora teño outras responsabilidades, pero mantemos a amizade que nos unía como equipo e como veciños.


