María Xosé Queizán inaugurará a feira do libro de Vigo este xoves

As firmas terán lugar nas casetas e quen a elas se acheguen deberán facelo con máscara, gardando a distancia de seguridade e facendo uso de xel hidroalcohólico
Feira do Libro de Vigo
photo_camera Feira do Libro de Vigo

A escritora María Xosé Queizán será a encargada de inaugurar o vindeiro xoves, 25, a 46º edición da Feira do Libro de Vigo, que permanecerá aberta na rúa do Príncipe ata o 4 de xullo.

Baixo a lema "Non contaxian pero enganchan", a feira conta este ano tan atípico con só seis librerías aínda que pola feira, nas inmediacións do Museo Marco, pasarán ata 55 autores, entre eles Elba Pedrosa, Emma Pedreira, Manuel Bragado ou Antón Patiño.

Feira do Libro de Vigo - copiaAs firmas terán lugar nas casetas e quen a elas se acheguen deberán facelo con máscara, gardando a distancia de seguridade e facendo uso de xel hidroalcohólico.

A pesar das circunstancias, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, ve nesta cita anual de referencia para escritores e lectores "unha oportunidade para reactivar o sector do libro e as librerías logo dos meses de parón provocados polo confinamento"

Na feira contarán con espazo propio as librerías Librouro, Cortizas, Nobel Gran Vía, Pedreira, Hobbit e A Gata Tola, ademais do Centro de Documentación Feminista de Vigo e a Biblioteca Neira Vilas.

A de Vigo é a segunda parada do calendario destas feiras, que se estrearon o 13 de xuño en Santiago de Compostela, sendo a primeira cita feiral en España tras o período de confinamento polo Covid-19.

Tras a de Vigo, celebraranse outras sete feiras do libro en Galicia: en xullo celébranse en Ponteareas, do 9 ao 12; Redondela, do 16 ao 19, e Rianxo, do 23 ao 26; en agosto están as da Coruña, do 1 ao 10 de agosto; Foz, do 20 ao 23, e Monforte de Lemos, do 26 ao 29; mentres que a feira de Ourense celébrase entre o 9 e o 12 de outubro.

Comentarios