A Mesa quere levar ao Parlamento a demanda dunha canle Xabarín Club

Unha campaña lanzada para pedir unha canle de programación infantil e xuvenil na TVG suma case 8.000 sinaturas en catro días
Imaxe da campaña, cun deseño de Kiko Dasilva. A MESA
photo_camera Imaxe da campaña, cun deseño de Kiko Dasilva. A MESA

Unha canle e unha aplicación que ofrezan de forma continuada contidos en galego para nenos e mozos. É o que se reclama a través dunha campaña que, segundo apunta A Mesa pola Normalización Lingüística, reuniu case 8.000 sinaturas na rede en apenas catro días, unha demanda que o colectivo aspira agora a levar ao Parlamento galego a través dunha iniciativa popular

Con ese fin, A Mesa anunciou este xoves a inminente presentación dunha proposición, para instar á Xunta a "tomar as medidas precisas" para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha "canle Xabarín". Sería "unha canle con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como unha app actualizada que conten ademais con programas e xogos", explica.

A través da proposta tamén se chamará a garantir a "opción dobrada e lexendada ao galego" nas plataformas dixitais e a que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa app para o público infantil. Pedirase, ademais, que se reciba a RTP lusa en Galicia, e a TVG en Portugal.

Con estes obxectivos, A Mesa explica que a proposición non de lei de iniciativa popular require reunir un mínimo de sinaturas. "É, por tanto, un proceso máis complexo que a recollida de sinaturas que se mantén na web, mais tamén con maiores garantías de trámite parlamentar sempre que se reúna o mínimo de sinaturas fixado pola lei", apunta.

"Trasladar esta iniciativa ao Parlamento é a maneira de tornar realidade unha necesidade da mocidade galega", asegura o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

Comentarios